As nosas mareas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

26 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A imaxe dun coche metido nas augas do mar vén sendo certamente habitual. Son turistas afeitos ao Mediterráneo, que non saben das nosas mareas. Case catro metros poden chegar a separar a preamar da marea máis baixa, e sabémolo moi ben os galegos, sobre todo os que vivimos preto do mar.

O que non sabe moita xente -nin sequera os que viven no mar- é que o nivel do mar oficial de España se mide en Alacante, algo que teño comprobado moitas veces cando lle amoso a alguén a placa metálica elíptica que loce na fachada de todos os concellos españois.

Ao fixarse nela, non entenden porque Ribeira ou Laxe están situadas a cinco metros sobre o nivel do mar (en Alacante, claro), e é cando llelo explico. Os enxeñeiros do século XIX detectaron -entre os anos 1870 e 1882- que a diferenza entre o nivel do mar na preamar e na baixamar era o mínimo en Alacante, precisamente, e tomaron como referencia o primeiro chanzo da escaleira da Casa do Concello, e bautizárono como NP1.

Se queres facerte un autorretrato con esta referencia estatal -que é a que dan nos telexornais-, debes ir ao pazo barroco da cidade e a carón da escaleira tés a chamada «cota cero do mar de España», xusto ao lado dunha escultura de Salvador Dalí.

Cada vez que nos atopamos na nosa costa con algún astuto turista que encontra aparcadoiro nunha cambra do porto, durante a marea baixa, e que logo ve o seu coche aboiando sobre as augas, xorden voces que piden sinalizar a zona de risco para evitalo. Na miña opinión, cando viaxas a un lugar debes aprender os seus costumes, as súas peculiaridades, e os riscos que corres.