Están sentadas as bases dalgúns dos proxectos máis importantes dos últimos anos
22 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Superada a época na que os grandes proxectos estaban fóra do alcance das economías de concellos coma o de Porto do Son, nos últimos tempos sentáronse as bases para a execución de actuacións que están chamadas a transformar a vila sonense. A reconversión que vai experimentar a localidade nos vindeiros meses mudará por completo a súa fachada marítima grazas a unha das maiores inversións realizadas no municipio nos últimos anos.
Catro millóns de euros é o orzamento co que conta a actuación para facer do borde litoral da vila un espazo moito máis amable para os peóns, que gañarán terreo fronte aos coches. É inevitable que os vehículos circulen pola zona, pero o espazo vaise urbanizar de tal xeito que se asemelle máis a unha praza que a unha estrada. O Consello da Xunta xa aprobou o investimento necesario para levar a cabo o proxecto e o seguinte paso é licitar a obra, un trámite que se espera que estea resolto para o verán, de maneira que os traballos poidan comezar o vindeiro mes de setembro.
Despois de 18 meses de obras, quedará instalada unha plataforma única que dará un aspecto máis humanizado á zona, a calzada pola que pasarán os vehículos estará máis próxima ao mar e a lonxa vella desaparecerá para habilitar un amplo espazo público para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais. No proxecto tamén terá sitio en forma de réplicas a historia da vila sonense, que tivo na industria da salgadura e o secado de peixe as súas orixes.
Pequeno miradoiro
No outro extremo da fachada portuaria tamén haberá cambios. Na intersección coa estrada comarcal AC-550 vaise construír unha rotonda para maior seguridade, e na zona onde se atopa o hórreo habilitarase un pequeno miradoiro. Un paseo marítimo que conectará a dársena coa praia do Cruceiro completará o novo deseño do litoral da vila.
O da fachada marítima é o proxecto máis importante dos que están en marcha neste momento en canto a investimento, pero non é o único que contribuirá a mudar a fisionomía de Porto do Son. Outra actuación nesta liña é a que está previsto levar a cabo a medio prazo na zona de Outeiro e As Laxieles.
As rúas que conforman ese lugar constitúen un espazo urbanístico singular que se quere poñer en valor. Ten unha orografía complexa, en pendente, pero conserva a esencia do Porto do Son antigo, con pequenas vivendas, rúas estreitas e muros de cantería. Iso é o que se quere manter -de feito, estaba previsto elaborar un plan especial para preservar as súas características-, pero acondicionándoo e empregando materiais nobres na súa pavimentación, mellorando a accesibilidade, soterrando os cables e dotando a esas rúas duns servizos básicos renovados. Facer isto vai requirir un investimento importante, por iso a intención do Concello sonense é que se execute en catro fases. A primeira delas está previsto que poida levarse a cabo o vindeiro ano e que conte con fondos provinciais para o seu financiamento.
En dous ou tres anos, a intervención debería estar completada para converter o entorno de Outeiro nun novo punto de interese nas visitas turísticas que recibe o municipio.
Contratempo resolto
A actuación que si que está en marcha e que se vai retomar en breve é a da rúa Atalaia. Nos últimos anos realizáronse no entorno da casa consistorial unha serie de obras e melloras da contorna que quedarán completadas unha vez rematen os traballos na vía que leva ata a capela e ao miradoiro con espectaculares vistas ao mar.
A deficiente execución deste proxecto levou a que o Concello prescindira da empresa á que se adxudicou inicialmente a actuación, e agora que o expediente está resolto prevese que nun breve espazo de tempo se poidan licitar de novo as obras para que outra firma remate a parte que quedou sen concluír. O obxectivo é que todo quede listo para o vindeiro verán, mentres que o tramo da vía que baixa desde A Atalaia e que discorre paralelo ao que está en obras tamén se vai acometer nos vindeiros meses.
Unha vez que estes dous proxectos se materialicen, a reurbanización no entorno da casa consistorial quedará completada, á espera de que se poida avanzar noutro ambicioso proxecto do goberno municipal para recuperar a antiga alameda, que se estendía por toda esa zona.
Unha última intervención importante afecta á localidade de Portosín e ten unha dobre vertente. Por un lado, a Xunta vai construír unha glorieta na intersección da AC-550 coa baixada ao porto e, por outro, o Concello complementará esta actuación coa humanización da rúa que conduce á dársena, ampliando o espazo para os peóns.