Vox

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si, eu tamén quedei sorprendido polo alucinante resultado das eleccións andaluzas e tamén son dos que pensa que isto pode estenderse por toda España, pero o que non esperaba era a reacción que tivo a nosa pseudodereita aliñándose coa posición da nosa esquerda política e mediática de estigmatizar, en sentido estrito ideolóxico, a Vox como un partido de extrema dereita. Pero, por se acaso, esta semana dediqueille algún tempo a pescudar sobre o tema e non teño ningunha dúbida de que a formación de Santiago Abascal é tan respectuosa coa democracia coma o poden ser o PP, PSOE ou C’s e, dende logo, moito máis que o que representan Podemos e os seus aliados marxistas que reciben moito mellor tratamento e tolerancia, sendo especialmente significativa a postura de Albert Rivera, só explicable se entende que lle comeron o seu autoproclamado bocadillo liberal.

Nestes intres a meirande parte dos países da UE están redefinindo moitas das posturas ideolóxicas desenvolvidas dende a guerra de 1945 ata a caída do muro de Berlín en 1989 tras decatarse de que o socialismo europeo -un sucedáneo do comunismo ruso- é insostible economicamente, así como unha aberración ideolóxica. Non debemos esquecer que a antiga URSS foi construída por Lenin baixo un réxime de terror despois da revolución bolchevique de 1917. Para coñecer as súas prácticas nada tan ilustrativo como ler Archipiélago Gulag, do ruso Solzhenitsyn, no que se relata a cruel represión política soviética. Estamos a tempo de recuperar o perdido entre tanta podremia da nosa clase política.