Necesítoche

Hadriana Ordóñez

BARBANZA

26 nov 2018 . Actualizado a las 20:12 h.

O #metoo e o #eucreoche son unha estafa. Iso é activismo de sofá. Inútil, falso. Estás soa. Máis soa que unha cadela no monte. Estás soa e esgotada. E ti tamén o sabes.

Sábelo cada vez que a túa vida che supera e non tes a quen nin como pedir auxilio e a ti non che queda outro remedio que manterte invisible.

Cada vez que terías ido a urxencias cos teus ocos cheos de esperma e o que ti sentes é a gorxa borracha de ameazas que che afogan no pánico.

Cada vez que terías chamado ao 016 e poder contarlle a alguén o terror no que, non sabemos aínda como, te mantiñas con vida. Que non viva.

Cada vez que terías ido ao banco a sacalo da túa conta porque carto que gañas, carto que el gasta, e ti traballando máis de 50 horas semanais para logo vivir en precario.

Sábelo cando te sentes tan inmóbil e desamparada como espida no monte chea de frío e fame. Chovendo por enriba túa. E non hai a quen nin como pedir auxilio. Porque todo o mundo sabe máis ca ti. A túa vida é de toda a veciñanza. Todo o mundo faría isto ou diría aquilo.

Mais quen se move do sofá? Pensas que todo está feito cunha entrada no Instagram dicindo o que pensas. Mais non fas. Non te moves. Non me serves. Estás consentindo que se perpetúe un sistema igual de enfermo que desigualitario. Estás permitindo e premiando a quen fai dano. E sábelo.

Cada vez que escoitastes que meu pai nos criaba a berros e desprezos e ti elixiches non chamar a Servizos Sociais.

Cada vez que che contei como me mallaba a cabeza ferindo a miña estima e ti elixistes mantelo como amizade en Facebook ou fritíndolle os churros pola mañá.

Cada persoa que crea que non pode facer nada para aportar solucións ás violencias machistas que teña claro que non pode agardar que eu saia do pánico soa. Necesito o teu amor e confianza. Todas podemos elixir ser ferramentas a disposición da comunidade. Necesitámolas. Necesítoche a ti. O único recurso público imprescindible é poder contar contigo incondicionalmente.

As aldeas están cheas de veciñanza marabillosa disposta a erguerse do sofá. Será a túa veciña a que diga como axudala.

Fai favor, e érguete.