Os nus mal vistos

Francisco Ant. Vidal
francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA 

BARBANZA

matalobos

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Visitando a catedral de Lugo, fronte a Nosa Señora dos Ollos Grandes, un neno de 10 anos tirou pola manga de seu pai e apuntoulle: «Ten unha teta de fóra». E a ninguén se lle ocorreu pensar que aquel cativo era indigno de entrar nunha catedral. Sen embargo, estoutro día, había un follón en Portugal porque despois de que máis dun cento de crianzas visitaran unha exposición de Robert Mapplethorpe, con algunhas escenas eróticas, houbo de dimitir o director e comisario da mesma, e colgaron o cartel de «Prohibido a menores de 18 anos», porque alguén non entendeu que un corpo nu non é malo, senón que a maldade está nos ollos de quen o prohibe.

Non se acostuma a pórlle trabas a ningún neno para entrar a ver unha exposición de pintura, fotografía ou escultura. Supoño que a ninguén se lle ocorrería vendarlle os ollos a un cativo que entre a ver A maja espida de Goya, a pesares de que, como o amigo Xulio nos lembra acotío, a arte non é inocente, e menos o é cando temos todo o contido dun museo a golpe de clic e tamén a golpe de clic o acceso a unha información e preparación previa antes de presentarnos diante dunha obra de Mapplethorpe, Velazquez ou do pudoroso Murillo.

Só onde goberna ou ten influencia o pensamento retrógrado, máis preocupado por prohibir ca por ensinar, hai este tipo de restricións entre o que se pode ver e o que non, como acaba de ocorrer no Brasil de Bolsonaro, onde hai artistas recibindo ameazas de morte e denuncias a través de grupos integristas por mor dos seus nus, chegando a acusar de incitador á pedofilia a un artista por amosar un corpo masculino tendido no chan dunha das salas do museo de Sâo Paulo.

A controversia entre os que piden o acceso libre ó museo e os que reclaman salas específicas para maiores de idade pode dar moito de si. Á fin a función do artista é sempre provocar o debate, transgredir, poñer as dúbidas sobre o lenzo, o mármore ou o papel. E certamente, algunha fotografía desa exposición pode ser demasiado escabrosa para quen non sabe ver máis aló da imaxe, pero non o é menos a representación do demo que pisa ó san Mateo da Mota (Arzúa), co seu pene vermello asomando entre as pernas e a quen pasean en procesión cada 21 de setembro. Aquilo que a uns ofende a outros admíraos, e non creo que haxa esta polémica sobre o prudente e o obsceno diante dunha macabra imaxe de guerra ou dalgún dos tétricos martirios narrados no santoral e espallados por todas as igrexas e museos do país con pretensións de proselitismo. Tal vez o problema está en que os pais responsabilizan ós educadores e os educadores reclaman a implicación dos pais nestes asuntos, sobre a liberdade de expresión e dereito de expresión, e uns por outros...

Por outro lado, ben sabido é que non todos os adolescentes son iguais á hora de contemplar unha fotografía nin á hora de comentala. Nos mesmos titores está a maneira en que lle han de amosar a arte e animar a distinguir algo máis ca un arco de medio punto. Á fin un museo é un lugar de coñecemento e de reflexión, e se un rapaz ou rapaza de quince anos se escandaliza diante da foto dun pene erecto, o problema non é do artista senón dos educadores do adolescente.