Alfonso Barreiro: O enxeñeiro que vive debuxando

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Aparcou a súa carreira no eido naval para dedicarse de cheo á ilustración

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Este fin de semana desenvolverase no Liceo de Noia unha interesante iniciativa, única en Barbanza. Trátase dunhas xornadas de banda deseñada que nacen con vocación de teren continuidade no futuro. O organizador é un ilustrador local, Alfonso Barreiro, que busca estender a súa gran paixón a outros veciños. Tal é a súa afección por ese mundo de debuxos encerrados en viñetas que no pasado cambiou por ela a súa primeira opción profesional, a enxeñería naval. E non se arrepinte, xa que cumpriu o soño de poder vivir debuxando.

Asegura que estudou Enxeñería Naval en Ferrol porque, aínda que o eido da ilustración lle tirou desde neno, nunca pensou que puidera chegar a ser unha alternativa laboral sólida. Lembra os cómics de Mortadelo e Filemón, e de Astérix que seu pai lle mercaba con frecuencia, pero recoñece que foi Son Goku coas súas bolas máxicas o que fixo emerxer no seu interior unha febre imparable pola banda deseñada: «Non me perdía un capítulo e facía os meus propios debuxos, ademais de recortar revistas. Aí entroume a paixón por este mundo».

E, case por casualidade, esa afección volveu a cruzarse no seu camiño cando, despois de ter traballado xa como enxeñeiro, soubo da apertura en Pontevedra da escola O Garaxe Hermético, de Kiko da Silva: «No sector naval tiña contratos temporais e, nunha desas ocasións nas que estaba no paro, decidín matricularme neste centro, onde estiven tres anos formándome». Xa alí empezou a ver que a ilustración podía converterse para el nunha oportunidade laboral, pois participou na elaboración de dous libros colectivos: A banda de Moebius e A vila dos debuxantes da morte. Mesmo lle xurdiu a posibilidade de ilustrar en solitario un volume sobre a voz escrito por Isabel Pichel.

Un libro no forno

Agora, Alfonso Barreiro xa leva un lustro vivindo da súa faceta como debuxante, que materializa desde varias frontes. Como autor, publicou hai un par de anos Curuxa, a voz de Azazel, cómic que ten como protagonista a unha especie de heroína á galega, unha aprendiz de meiga que se mergulla nas lendas e no territorio de Galicia para conseguir cumprir os seus retos. Tamén colabora con frecuencia na revista A viñeta de Schrödinger e ten no forno un segundo volume: «É froito dunhas tiras que durante un tempo publiquei nun xornal. Titularase Troglo e Dita e verá a luz o ano que vén da man da editorial Galaxia».

Nenos e mozos constitúen o público ao que se dirixe este creador noiés: «Agora mesmo hai pouco material para eles e constitúen os lectores do futuro. Cada vez publícase máis novela gráfica e incluso cómics de heroes dirixidos aos adultos, por iso decidín dedicarme ás novas xeracións». Busca tamén que, ademais de entreterse, os seus lectores aprendan. Explica que o libro que está a piques de publicar, por exemplo, está formado por un conxunto de tiras que, xuntas, transmiten unha mensaxe: «Refírense a que non hai que fixarse no exterior das persoas, senón no seu interior».

Alfonso Barreiro tamén desenvolve a súa faceta de debuxante formando a novos ilustradores. Imparte clases naquel Garaxe Hermético que foi a súa escola no pasado e tamén no Liceo noiés, en ámbolos dous casos a nenos e mozos: «Gustaríame que en Noia os adultos tamén se animaran, pero de momento non o conseguín». Aos seus alumnos trasládalles sempre as mesmas ideas. A primeira, que sempre, antes de empezar, hai que ter na cabeza unha idea innovadora. A segunda, que todo o mundo sabe debuxar: «O debuxo, como a escritura, é un código para representar as palabras, polo tanto calquera pode aplicalo».

Entre clase e clase, Alfonso Barreiro prepara a segunda parte de Curuxa, mentres espera que na súa mente brote tamén unha desas ideas innovadoras para lanzarse cun libro dedicado ao público adulto. Ten claro que, se puidera volver atrás, non cambiaría o xiro que deu a nivel profesional: «Estou moi contento porque o debuxo é algo que sempre estivo dentro de min. Agora fago o que realmente me gusta».