«O plan dos bancos libres depende da Xunta»

La Voz

BARBANZA

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao recentemente renovado cargo de patrón maior, Miguel Iglesias sumou novas responsabilidades na entidade Rañeir@s Ría de Arousa, que trata de xestionar os bancos de libre marisqueo. Seis confrarías do norte e o sur da ría van da man neste proxecto.

-Acaban de enviar á Xunta unha proposta para a xestión do libre marisqueo, ¿como pinta a cousa?

-Presentamos a nosa proposta e agora o plan dos bancos libres depende da Xunta. No seu momento nós propuxemos na consellería ou ben elaborar un plan conxunto ou ben o reparto das zonas de traballo, pero para isto último tiña que haber unanimidade e había entidades que non estaban de acordo, así que elaboramos un documento de xestión.

-Entón, ¿é seguro que haberá cambios o vindeiro ano?

-O que non podemos facer é seguir como ata o de agora, porque a xestión que se está a facer do libre marisqueo é nefasta e estamos perdendo xente, están marchando para outras rías ou para outras confrarías que teñen abertas as súas concesións e onde poidan gañar algo.

-¿É esa a razón da baixada de socios nos últimos catro anos?

-Algo diso hai. Cando se perde xente é no inverno, porque a saída que hai para traballar é o libre marisqueo e con iso non pode vivir e acaba marchando. Con todo, a caída de socios tamén ten que ver cunha limpa que se fixo por parte da confraría porque había persoas que levaban anos sen pagar as cotas correspondentes.