Invasión

XULIO GUTIÉRREZ ROGER

BARBANZA

CEDIDA

Os rapapelos procesionan buscando un lugar para soterrarse

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os rapapelos procesionan por onde lles peta. Indiferentes aos pasos de cebra, aos semáforos e ás direccións prohibidas. Indiferentes aos pisotóns dos primates con zapatos que os esmagan pisándoos con asco. Indiferentes ao balbordo dos nenos que xogan a desfacer con paus as súas rectilíneas formacións.

Sábense protexidos polo líquido urticante dos longos filamentos que ornan o seu lombo pero tamén saben que teñen un punto débil, a cabeza. Por iso forman ringleiras, encabezadas sempre por unha femia, nas que cada eiruga protexe a testa da compañeira que vai detrás. O dictado xenético da natureza impulsa a estas eirugas velenosas a saír das confortables bolsas de seda nas que viviron durante o inverno para soterrarse e mudar o seu aspecto. Unha drástica transformación que converterá o torpe verme peludo nunha áxil bolboreta nocturna.

A vida dun rapapelos comeza a finais do verán na ponla dun piñeiro, onde a nai bolboreta puxera uns 200 ovos. Todas as eirugas dunha bolsa son irmás e constrúen cooperativamente o seu refuxio nunha póla solleira para soportar os rigores do inverno. Durante os meses fríos, pasan o día acubilladas no seu tóxico fortín e saen de noite para comer con voracidade as follas tenras dos piñeiros e, ao tempo, evitar os depredadores diúrnos.

Cando chega a primavera, os rapapelos abandoan a súa sedosa gorida e marchan en procesión buscando un lugar cálido para soterrarse e sofrir a metamorfose. A tóxica caravana pode deixar un amargo recordo a quen ouse tocalos. A ponzoña do rapapelos provoca graves efectos nas persoas, especialmente en persoas alérxicas, e tamén en animais pequenos, para os que pode ser mortal. É sensato evitar o contacto cos pelos urticantes das eirugas e tamén cos niños, que adoitan estar cheos destes pelos.

Couzas adultas

Xa baixo terra, envólvense nun denso casulo de seda do que non sairán ata estaren convertidas en couzas adultas. Tardan entre un e catro anos en transformarse e durante todo o tempo de vida subterránea non comen. Viven das reservas de graxa que acumularon na fase de eiruga. Nesta época son vulnerables aos ataques de leiróns, cucos, corvos e, sobre todo, bubelas que son especialistas en desenterrar estes gorentosos bocados e devoralos con delectación.

A vida da procesionaria como bolboreta adulta é breve, apenas un par de días. Cando eclosionan e saen do casulo deben aproveitar o tempo para buscar parella, copular e poñer ovos e pechar o seu ciclo de vida.

Cando a procesionaria afecta a unha plantación de coníferas, especialmente de piñeiros, cedros e abetos, dicimos que é unha praga, e utilizamos medios físicos e químicos para «erradicala». Pero o certo é que a procesionaria xa facía as súas bolsas millóns de anos antes de que os primates baixásemos das árbores, en África, e invadísemos o mundo enteiro. A procesionaria non invade o territorio humano, é o humano o que ocupa o territorio da procesionaria. Algo análogo acontece con outros «invasores», desde o lobo ata a carcoma.

O mellor método de control sobre a procesionaria, e sobre as outras «pragas», é manter un ecosistema sano con abundante e diversa fauna porque son aves e pequenos mamíferos, antano abundantes e hoxe escasos, os máis eficaces depredadores desta couza.

As eirugas transfórmanse en bolboretas tras estar baixo terra entre un e catro anos