21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O que moita xente ve como un problema por solucionar, eu véxoo como unha oportunidade. Fágoo sabendo que o mundo está mudando, e que no urbanismo contemporáneo a mobilidade é un factor relevante, e a tendencia é a redución de velocidade dos automóbiles e a súa eliminación do centro da vila. Fágoo trala observación do que están facendo outros países que van marcando as pautas de desenvolvemento.

Holanda reduce o ancho das vías, suprimindo a liña do medio. Francia coloca grandes xardineiras ocupando un dos carrís, reducindo as estradas ao ancho de un único vehículo. Outros lugares tamén entrecruzan as vías do tranvía coas vías dos automóbiles. Fano todo para reducir as velocidades, sen ter que colocar semáforos nin radares, fano por un urbanismo responsable para as persoas.

Desde o punto de vista puramente urbanístico e da imaxe urbana, moitas casas que foron destruídas porque «molestaban ao tráfico» hoxe son fitos -como describe o profesor Kevin Linch- que forman parte da identidade das cidades, do elemento que as diferenza de outras, pero tamén como unha referencia espacial na trama urbana.

É unha oportunidade que temos que darlle a moitos destes tapóns urbanísticos, que talvez no futuro agradezan as xeracións vindeiras. Non se debe actuar en quente, debemos pensalo varias veces antes de demoler un edificio que queda descolocado, moitas veces por mor dunha mala planificación urbanística, pensada máis no plano que visto no propio lugar. Por desgraza, a planificación urbanística está máis pensada dende a visión cartesiana dunha malla de rúas superposta no territorio, sen ter en conta as súas peculiaridades, e a estes elementos castígaos coa expulsión, chamándolles «fóra de ordenación», deixándoos sen a posibilidade de manter as súas condicións de habitabilidade.

Onde quedaron as ideas dos mestres Dieter Prinz ou Christopher Alexander que nos inculcaron nos mestrados en urbanística, se non encaixan cos patróns marcados por ningunha lexislación urbanística? Nin se aplican, non se nos permite aplicalas. Hai que cambiar a estrutura lexislativa urbanística, hai que cambiar os plans redactados en despachos afastados e baixar á realidade do lugar. Por un urbanismo responsable.