A Deputación apoia a cultura barbancesa con 121.304 euros

Ramón Ares Noal
x. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Barbantia, con máis de 17.000 euros, é a entidade que percibirá a achega de maior contía da área de Goretti Sanmartín

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Impulsar o máximo posible a cultura galega foi un dos obxectivos que Goretti Sanmartín acadou cando chegou á vicepresidencia de Deputación, «porque entendemos que é un dereito, e iso non se refire unicamente á participación en eventos culturais, senón tamén á posibilidade de producir cultura, crear iniciativas e materializadas». Por este motivo, o goberno provincial incrementou o orzamento destinado a axudas para este sector ata chegar ao millón de euros, unhas subvencións que no caso da comarca barbancesa alcanzarán os 121.304 euros.

Un total de 32 entidades sairán beneficiadas nesta convocatoria, na que a Asociación Cultural Barbantia percibirá a achega más importante, con 17.000 euros, que se destinarán a organizar a tradicional Romaría das Letras, os premios Barbantia da Cultura e os Encontros cos Nosos Escritores: Anxo Rei Ballesteros e Carlos Mosteiro.

Carrilanas de Esteiro

Tamén son importantes as partidas que servirán para poñer en marcha unha nova edición das carrilanas de Esteiro, a residencia de escritores da asociación Axóuxere ou as distintas actividades do colectivo rianxeiro A Moreniña.

As axudas da Deputación non esquecen este ano ás distintas organizacións xuvenís, agrupacións musicais e de danza, nin tampouco a varias asociacións de nais e pais de alumnos da bisbarra.