Juan José Dieste: «Podemos convivir todos xuntos»

O rexedor boirense destaca os valores inherentes a unha vida onde estes vehículos estean normalizados


Ribeira / la voz

O rexedor boirense, Juan José Dieste, aposta por seguir o exemplo europeo de abrir as localidades ás bicicletas. Os beneficios, apunta, son múltiples. Non só no eido deportivo, senón tamén para a saúde dos veciños, o medio ambiente e a circulación. Por iso, o Concello aplaude e promove xornadas como o Día da Bicicleta, actividade que demostra que outro mundo é posible.

-¿Como espera a marcha?

-Para min o Día da Bicicleta é unha xornada de concienciación. Creo que nos axuda a ser máis respectuosos, a valorar ao próximo e a humanizar a circulación en bicicleta. Non me esquezo dos beneficios para a saúde. Na feira de La Rochelle, na Bretaña francesa, puiden ver a moitísimos ciclistas desprazándose sen problema. Iso é posible porque son capaces de coexistir coches, peóns e bicicletas. Se é posible noutros países europeos, aquí ten que selo. Podemos convivir todos xuntos.

-O seu goberno leva xa seis anos apoiando esta actividade.

-Creemos que é importante. Boiro ten certas limitacións urbanísticas que lle impiden abrirse á bicicleta, pero xa construímos paseos como os dos ríos Coroño e Breiro. Alí queremos que convivan os veciños paseando e os que van sobre dúas rodas. Iso si, é necesario que estes últimos vaian a unha velocidade moderada. Queremos seguir o exemplo de Pontevedra e que todos poidamos gozar da nosa localidade. Queremos estar á vangarda.

-É precisa unha maior sensibilidade por parte de todos.

-En San Sebastián, no paseo, xa hai un sinal no chan de paso de bicicletas. Tamén se cambiaron carrís das estradas que antes usaban os coches e agora son para taxis, buses e ciclistas.

-Sacarlle espazo aos coches sempre trae polémica.

-É a gran problemática, sobre todo se sacas espazo de aparcamento. Somos de reflexos rápidos e ademais pouco positivos con estes cambios. Nós queremos facer un carril bici entre Boiro e Cabo. Creemos que sería bo para tódolos veciños.

-O Día da Bicicleta andará nos 1.000 participantes. Hai bastante xente que xa está concienciada.

-Creo que se mellorou moito no concepto en canto á bicicleta. Sobre todo nos nenos e na xente moza. Tiveron a sorte de ter unha cultura máis europea, máis aberta e de viaxar a outros países. Eles son a sociedade do futuro e saben dos beneficios da bicicleta para as vilas. Agora que o gasóleo está no medio da polémica, non hai vehículo menos contaminante que a bicicleta. En Boiro déronse pasos moi importantes. É certo que limpamos máis, pero tamén que emporcamos moito menos. A nosa veciñanza está moi concienciada cos espazos públicos. Creo que se evidencian síntomas de maduración, aínda que falten pasos por dar.

-Ámsterdam queda moi lonxe.

-Neste aspecto é un mundo aparte -ri-. Por exemplo, na Bretaña francesa, a pesar de que teñen un clima moi similar ao noso, e incluso máis adverso no cómputo global, apóstase moito máis pola bicicleta.

-Galicia, polo seu inverno, é un lugar complicado para rodar.

-É certo, sobre todo con ventos racheados. Así é imposible. Aí o importante é unha boa combinación co transporte público. Ademais hai bicicletas para tódolos gustos e necesidades, incluso eléctricas. Agora hai solucións para todos.

A praza de Galicia, punto de encontro

Os participantes do Día da Bicicleta están chamados para mañá ás 10.30 horas. O punto de encontro será a praza de Galicia, onde se dará o pistoletazo de saída a unha marcha que completará un percorrido de 14 quilómetros, e que terá catro reagrupamentos. O primeiro farase en Escarabote, o segundo no Club Náutico Marina de Cabo de Cruz, o terceiro no campo da feira de Exipto e, o último, na intersección entre a estrada que vai dende Abanqueiro ata a avenida da Constitución.

Aos ciclistas recórdaselles que deben portar o seu casco de seguridade. Ademais, a organización destacou a importancia de circular por un só carril, xa que así non se corta o tráfico nos dous sentidos e axilízase a circulación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Juan José Dieste: «Podemos convivir todos xuntos»