Manuel Martínez: Co soño de perpetuar a historia mariñeira

Traballa xunto con outros muradáns para converter unha nave de Sel en museo


ribeira / la voz

Muros é unha vila que foi xurdindo a carón do mar e que medrou en boa parte grazas aos seus froitos. Aínda que dun tempo a esta parte moitos dos seus veciños se afastaron dunha dura profesión que non atravesa o seu mellor momento, a pesca, e antigamente a salgadura e a conserva, conforman unha parte fundamental da historia local. Por iso, Manuel Martínez Caamaño e un grupo de amigos levan un tempo loitando por inmortalizar ese pasado mariñeiro da localidade. Teñen constituída unha asociación, Adimar, e mesmo dispoñen dunha nave, na vella fábrica de Sel, que pretenden converter en museo. Incluso empezaron a reunir fondos mediante doazóns para encher ese espazo de contido, pero aspiran a moito máis.

Cos poucos medios dos que foron dispoñendo, este grupo de apaixonados do mar xa lle empezaron a dar forma á que ata hai pouco era unha nave abandonada. Instalaron una canoa muradá, una embarcación pesqueira típica da ría de Muros e da zona de Fisterra, que foi doada pola Asociación de Xubilados do Mar de Muros, á que en breve engadirán outra similar, cedida por un veciño. Montaron paneis sobre os naufraxios máis importantes acontecidos no litoral do municipio, que completaron con pezas orixinais que se conservan deses sucesos. Reuniron elementos de antigas conserveiras locais, coma latas. Rescataron dous bancos de carpintería de ribeira cun feixe de ferramentas.

E, o máis importante, amosáronlle todo isto ao público: «O local estivo aberto no verán, con persoal contratado polo Concello para o departamento de turismo. Desde entón, se hai grupos de escolares, de turistas ou de xente interesada, nós prestámonos a facer visitas guiadas en calquera momento do ano», explica Manuel Martínez.

Este membro da Asociación para a Dinamización do Museo do Mar de Muros, o máis implicado co proxecto por ser nestes intres o único que reside permanentemente na vila, asegura que o obxectivo é que o espazo teña carácter participativo, de forma que os veciños colaboren achegando material, e que sexa vivo, para que os contidos cambien de xeito periódico; iso si, «sempre coa salgadura, coa conserva e co mar como eixes centrais».

Axudas necesarias

Pero para que o soño desta ducia de veciños se faga realidade fai falla algo máis que ilusión: «Co entusiasmo pódense facer cousas, pero non moitas». Por iso, este colectivo ten previsto solicitar axudas económicas, unha delas ao Grupo de Acción Costeira. De seren concedidas, Adimar tería que elaborar unha folla de ruta: «Ese sería o momento de tomar decisións, de determinar cara a onde queremos orientar este museo».

Manuel Martínez, un xubilado que exerceu toda a súa vida de patrón de pesca, asegura ter claro o obxectivo: «Gustaríame que a memoria do mar quedara reflectida aquí, darlle a coñecer ese pasado ás novas xeracións de Muros, unha vila que non se concibe sen o mar, se ben é certo que a xente está hoxe afastada del polas condicións precarias do sector». El sabe que os veciños gardan nas súas casas tesouros que poderían contribuír a darlle forma a ese futuro gran museo, aínda que polo de agora o colectivo non pode aceptar determinadas cesións: «Cando, no ano 1905, Muros obtivo a distinción de moi leal, nobre e humanitaria, pola actuación dos veciños no naufraxio do Cardenal Cisneros, o alcalde recibira unha placa e unha medalla, elementos que a familia está disposta a ceder, pero non nos podemos facer cargo de momento de pezas con gran valor económico ou sentimental, porque carecemos de medios para garantir a súa seguridade».

Engade que en moitos fogares se conservan vaixelas e xoias que os capitáns da Mariña Mercante adquirían nas súas viaxes. «Material hai de sobra, falta que poñamos todo en orde e que os muradáns se alíen con este proxecto e nos axuden a facelo realidade», engade un ilusionado Manuel Martínez. Só lle pide aos veciños que se involucren neste proxecto, que o fagan seu para, xuntos, darlle forma a un gran museo dun gran pobo mariñeiro.

A entidade. Adimar é un colectivo formado por media ducia de veciños de Muros que comparten unha grande afección polo mar.

O proxecto. O museo, situado nunha nave da antiga fábrica de Sel, xa conta con algúns fondos e os interesados en ver o seu contido poden solicitar unha visita guiada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Manuel Martínez: Co soño de perpetuar a historia mariñeira