Propaganda vital

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

29 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No termo de tres meses Xulio estivo vendo a lúa de sangue entre os templos de Agrigento, a auga burbullando en Fontibre e o reflexo do sol nunha das fiestras da Casa do Garda no parque Güel de Barcelona, pero non sacou ningunha foto no Facebook. En poucos meses, o amigo Xulio viaxou en coche, en autobús, en avión e en barco, pero só o souberon os compañeiros de asento ou os familiares e amigos a quen lles trouxo algunha lembranza da viaxe.

¡Que pouca propaganda se fai!

Ó largo deses tres meses asistiu a unha foliada e recitou algúns poemas na Casa dos Poetas de Celanova, foi nadando varias veces ata a Insa da Pirilla, papou unha mariscada en Corrubedo, unha fabada en Llanes, un cocido montañés en Santillana, e unha paranza en Siracusa; bebeu txacolí para acompañar un marmitako fronte ó museo Guggenheim de Bilbao e tampouco sacou nada no Facebook; e contóunolo porque chegou á conclusión de que quen non publica a súa vida nas redes sociais parece que non vive, que quen non vai a un restaurante armado de cámara e tomavistas semella que pasa fame, que quen non manda parar ó taxista para fotografar unha paisaxe determinada semella que é cego; e publicar todo iso e moito máis vén sendo algo así como unha fe de vida, un certificado de benestar ou unha declaración de superioridade.

A propaganda vital, tan necesaria para non ser menos ou para amosarse superior, ten no Facebook o sistema máis barato de comunicación. En xeral, as redes sociais están creando unha certa adicción que nos obriga a publicar todas as nimiedades da nosa vida e a ver e criticar as dos nosos veciños, amigos, familiares e followers que nunca coñeceremos. Amigos teño a quen segundo o publicado nada lles vai mal na vida, teñen opinión para todo e ata son quen de facer grandes descubrimentos onde os máis expertos catedráticos de universidade non dan chegado.

Algúns especialistas en redes sociais, aseguran que, xa sen contar co mal gusto e o insulto doado, estase facendo un uso dubidosamente ético das redes no que a cuestións persoais se refire, que se ben deberían ser un medio para compartir coñecemento, convertéronse nun medio para amosar as miserias á procura da fama, do instante diario de gloria ou de certa presunción sen nome invadíndonos con fotos, vídeos, opinións e propaganda que coa facilidade de mover un dedo non nos paramos a ponderar suficientemente.

Xulio opina que se nos animásemos a contar as nosas aventuras diarias ou a opinar cara a cara, en compaña, nun parladoiro ou nun rueiro, sen medios interpostos, arredados desa soidade sen crítica que nos impón o ordenador ou o móbil, sentindo a voz do noso interlocutor, sen comprometidas iconas de cariñas esquemáticas nin dedos erguidos, senón vendo a expresión real que as nosas opinións provocan en quen nos escoita, talvez seríamos máis humildes. Porque a través da rede non sempre apreciamos a verdade dos sentimentos, nin os sentimentos se amosan con toda a franqueza que un cara a cara impón aínda cando as palabras queiran disimular e mentir.

E a pesares de todo, confesa Xulio, todos os días temos a rabiosa curiosidade, vicio ou adicción de ver como lle vai ós nosos followers, que comen, onde están, quen torceu un pé ou quen almorzou un café negro e sen azucre tras unha noite de esmorga. Tan importante é contar a vida e tan curiosos somos coa vida allea.