Nieves Delgado: «Tendemos a pensar que temos algo especial que non pode ser imitado»

ENCARNA PEGO

BARBANZA

ABRALDES

Vaticina que as intelixencias artificiais superarannos en moitas cousas

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Charlo con Nieves nun espazo común do IES, no que traballamos, ao lado da Praia Coroso. É inminente a chegada do outono. Pídolle que me fale de ciencia ficción e de intelixencia artificial (IA), temas da súa escritura, e que eu sinto moi distantes ata ese momento. Nieves relata cunha precisión e unha paixón que seduce, xunto coa súa argumentación científica. Nieves é unha gran defensora das iniciativas que visibilizan as autoras e fomentan a súa presenza no mundo literario.

Diferenza literatura de ficción e de ciencia ficción.

-Na ficción preténdese suspender a incredulidade do espectador, que asumas iso que che propoñen. A ciencia ficción consegue o contrario, que sexa verosímil. Por ser unha posibilidade real, pode darnos certa vertixe. Hai obras que se anticipan ao futuro, por exemplo a de Jules Verne sobre a viaxe á Lúa. Outra cousa curiosa é que Internet foi prevista por Isaac Asimov cando aínda non era imaxinable.

Como definirías a intelixencia artificial?

-É complicado. Aínda non sabemos definir o que é a intelixencia. Considérase un software intelixente cando logra analizar o que pasa ao seu redor, e dar respostas de forma axeitada, coas instrucións que lle foron implantadas (o seu algoritmo). Algúns destes programas chegan a avaliar situacións complexas e tomar decisións moi elaboradas. Moitos dispositivos aprenden da súa interacción co usuario, precisamente para adaptarse a el e ofrecerlle o mellor servizo.

 Como responden os humanos ante a intelixencia artificial?

-Hoxe o software intelixente aplícase en moitos ámbitos da vida cotiá, pero a xente séntese incómoda cando esa aplicación ten lugar en aspectos que tocan de cerca a nosa faceta máis humana -por exemplo, os robots coidadores de maiores-, ou cando se inmiscen en tarefas que se supuña exclusivas dos humanos: a arte ou a habilidade en xogos que requiren destrezas superiores, coma o xadrez, onde hai xa moito que nos superaron. Tendemos a pensar que hai algo especial en nosoutros que non pode ser imitado, pero as IAs demóstrannos cada día que iso non é certo. Xa hai obras plásticas e literarias creadas por IAs. Cada vez está menos claro que a capacidade creativa sexa unha característica exclusivamente humana.

-Poderán superarnos as IAs en todo?

-En todo non sei, pero en moitas cousas si. Espero que nas tarefas máis repetitivas ou perigosas se impoña o uso de robots que liberen aos humanos. Ese é o obxectivo, facer a nosa vida máis fácil. Non entendo o medo a que «nos quiten o traballo», porque considero que o traballo, na súa concepción actual, é algo que teremos que superar nalgún momento. Non co sistema social e político actual, pero si nun futuro no que o ser humano se teña reformulado o seu xeito de habitar o planeta. Iso é precisamente para o que serve a ciencia ficción: abrir camiños.

-Pero as IAs teñen conciencia de si mesmas?

-Para min, unha IA sería un ser mecánico que ten autoconsciencia. Esta é, dalgún xeito, o que nos fai persoas e o que nos fai preguntarnos se podería haber outros seres que tamén o fosen. Pénsase que algúns animais, coma os primates superiores, tamén teñen autoconsciencia, e por iso existe o debate sobre se darlles a categoría legal de «persoas non humanas». Coas IAs tal vez sucedería o mesmo, coa cuestión engadida de que, ademais, habería un certo temor ante elas. Porque o ser humano pode sentir empatía ante calquera criatura capaz de experimentar emocións, pero o que non pode admitir é ser superado.

Na actualidade non existen IAs autoconscientes, tan só robots, máis ou menos intelixentes. Hai unha proposta europea para facerlles pagar no futuro a seguridade social aos robots que ocupen traballos desenvoltos antes por humanos, e poder sostermos así o fondo de pensións. En realidade, pagarían os empresarios, así que non me parece factible. A solución, como dixen antes, creo que pasa por un cambio profundo e valente do modelo de sociedade.

Poderiamos ser dirixidos ou gobernados por unha IA?

-Sei que é unha idea impopular porque somos incapaces de aceptar que ao final dunha cadea de mando non haxa un humano; pero, de verdade, somos mellores xefes ou gobernantes que «alguén» capaz de procesar a información de maneira moito máis eficiente e que non se deixe levar polas emocións? Coido que, como pouco, o tema merece unha seria reflexión.