Entre dimisións e velutinas

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

24 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous días que comezou o outono, a miña estación favorita. Este ano o outono non trae só a caída das follas, trae tamén a inmolación voluntaria de dúas das caras máis coñecidas da Televisión de Galicia. A mediados de xuño os presentadores do Telexornal Serán, Alfonso Hermida e Tati Moyano, presentaron a súa dimisión, que se fai agora efectiva, por discrepancias coa liña informativa da nosa televisión pública; un xeito sutil de dicir que a Xunta decide o que se ten que dicir e como se ten que dicir... ¡Oh, sorpresa!

Esta nova correu como a pólvora polas redes a principios do verán, aínda que co paso de tempo quedou diluída entre cantantes de orquestras, vespas velutinas e hoteis case completos. Estas dimisións foron o colofón das protestas que deron en chamar Venres Negros dos traballadores e traballadoras da TVG en solidariedade coas protestas dos compañeiros da RTVE.

Está por ver se a estas alturas co cambio de Goberno e as modificacións dos directivos a cousa mellora ou non no ente público español. Polo que á TVG respecta, non ten pinta de que vaia a mudar nin un pouco, e menos aínda coa proximidade das eleccións. Ver un telexornal da galega normalmente e case cousa de risa, non a grande distancia do antigo NO-DO. É unha magoa pensar nos grandes profesionais que se están a malograr en San Marcos por non poder exercer con dignidade a liberdade informativa que calquera profesional do cuarto poder devece por facer.

Nas nosas mans está, en gran medida, o traballo de discernir e separar o gran da palla. Non o van a facer por nós.