Os pinceis que embelecen Rianxo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Son os autores dos murais que xa lle poñen cor ao auditorio e á zona de Xogo dos Bolos

10 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai aproximadamente unha década irrompeu en Galicia unha tendencia artística que está chegando con forza a Barbanza. Trátase de combater a fealdade que presentan determinados muros e paredes dos cascos urbanos con arte, mediante a elaboración de grandes murais. Son, na maior parte dos casos, obras que pretenden afondar na historia dos lugares elixidos, buscando así unha conexión directa cos veciños. Rianxo, a través dunha iniciativa promovida pola asociación Ondiñas Mainas, vén de sumarse a esta corrente artística. Lara Torres e Nove Noel son os artífices da transformación que veñen de sufrir unha das paredes do auditorio municipal e un vello muro situado na zona de Xogo dos Bolos.

Nove Noel xa leva unha década dedicándose á arte mural e no seu amplo currículo figuran anacos de cemento transformados en obras de arte en Ribeira, A Coruña, Santiago, Ordes ou Carballo; pero tamén deixou a súa pegada en Madrid e Barcelona e mesmo en Alemaña, México e Estados Unidos. Explica que todo comezou coa realización de graffitis: «Eu debuxo desde sempre e o paso dos anos foime levando cara un estilo de rúa moi concreto, movido tamén polos festivais de murais aos que me fun sumando e cos que fun medrando».

Para este creador rianxeiro, a realización de murais vai moito máis alá da recuperación dun espazo degradado: «Sempre me documento sobre a zona e sobre a súa historia, coa idea de que a obra estea vinculada co imaxinario tradicional do lugar». Para decorar unha das paredes do auditorio municipal, elixiu a temática mariñeira: «Quería volver ao pasado, a esa época na que o recheo no que se atopa este edificio era un mar no que traballaban os mariscadores».

Documentación previa

A súa compañeira de aventura, Lara Torres, está iniciándose neste eido artístico, pero faino con forza e moitas gañas. Despois de decorar o polideportivo de Catoira cunha obra que chama ao fin da violencia, mergullouse na historia dun lugar de Rianxo coñecido como Xogo dos Bolos para engalanar un muro cedido para a ocasión por unha veciña: «Descubrín que este nome vén dado porque no lugar se celebraban festas ao redor de torneos de bolos, nos que competían diferentes parroquias. Decidín darlle movemento a eses bolos, converténdoos en persoas danzantes que, a través da vestimenta, permiten facer un percorrido desde o pasado ata o presente». Completou a escena cun cabalo que lembra ver desde pequena nesa zona.

Tamén para ela estes muros decorados son moito máis que obras de arte na rúa: «Son ilustracións que transmiten información, que permiten lavarlle a cara a espazos feos e que tamén buscan conectar coa xente do lugar no que se atopan». Explica que, en días pasados, animou a algunhas persoas que se achegaron ata o seu lugar temporal de traballo a dar unhas pinceladas.

Tanto Nove Noel como Lara Torres confían en que esta iniciativa que promoveu Ondiñas Mainas teña continuidade no futuro. «Gustaríame realizar o vindeiro ano un proxecto de maior envergadura, reunindo a un grupo de artistas e brindándolle a oportunidade de sumarse a novos creadores», comenta a parte masculina deste tándem.

Nove non dubida en asegurar que xa ten en mente varios puntos nos que non lle importaría intervir: «Hai un muro de formigón que está en Tanxil que non me importaría transformar, ao igual que uns piares situados no paseo marítimo, onde está o Castelo da Lúa. Pero recoñezo que o meu soño é pintar un barco enteiro, sería incrible».

Lara Torres ten máis clara a temática que a localización: «Gústame pintar animais e facer retratos. Conxugar eses dous elementos en calquera espazo sería perfecto».