As longas noites de copas están ateigadas de falsos mitos ao redor das estratexias que hai que por en práctica para mitigar os efectos do alcol e poder conducir. Deixar que pasen unha ou dúas horas antes de situarse ao volante, combinar con outras bebidas... non son máis que lendas que poñen en perigo aos demais.
Algúns cren que beber auga en abundancia ou tomar un café amargo logo de inxerir alcol serve para quitar de enriba a borracheira. É totalmente falso. Só o tempo é quen de eliminar os efectos que provoca o consumo de alcol. Igual de inútiles son estratexias como inxerir unha culler de aceite de oliva, facer exercicio ou tomar unha ducha xeada. Non funcionan.
Unha crenza que está moi estendida apunta a que o alcol mesturado produce efectos menos perniciosos para o corpo. Falo do que se coñece popularmente como cubalibre, noutras palabras. Non hai que esquecer, con todo, que a cantidade de alcol no vaso é a mesma e que o feito de que a copa saiba menos a licor non implica que haxa menos.
«Bebo, espero unha hora, póñome ao volante e non pasa nada», pensan algúns. O tempo cura a borracheira, é certo, pero depende sempre da cantidade de alcol que se inxerira. Para que desaparezan os efectos de dúas copas, por exemplo, o tempo de espera está entre as tres e as catro horas.
Outra idea perigosa é a de que o alcol dá forza e enerxía. Nada máis lonxe da realidade. A sensación de euforia que se produce ao comezo é enganosa e máis adiante será invariablemente substituída polo que se coñece como baixón. Canto máis alcol se consuma maior será ese baixón.
Para evitar as sancións, o mellor é non beber. Este verán coincidiume ver a varios mozos que camiñaban pola rúa cambaleándose, escorando de babor a estribor. A eles poderían aplicárselle todos este falsos mitos que pesan sobre o alcol.