Un gol do ariete e directivo deulle a primeira vitoria do curso a un bloque que traballa para salvarse
05 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Coñecedor da área como poucos, Marcos Yáñez, Changui, (Boiro, 1977) festexou de novo un gol sobre o céspede de Barraña. Fíxoo no último segundo, cando o Laracha estaba a piques de restarlle dous puntos. Do que sentiu no campo falou onte nos micrófonos de Radio Voz, onde non esquivou ningunha pregunta.
-O que aconteceu o domingo non estivo nada mal.
-Estivo moi ben. Non só por min, que regresaba a Barraña e a vestir esta camiseta, senón tamén polo equipo, pola afección e pola directiva que traballa comigo. Intentamos arranxar tódolos erros que se cometeron no pasado para sacar este barco adiante.
-¿Cantos anos estivo sen poñer a zamarra do Boiro?
-Nove, son moitos para unha persoa que se identifica con este club. Tiven que ir xogar a outros equipos porque no do meu pobo había unha xente que só quería deportistas de fóra e que gastou os cartos en traer futbolistas que non ían a sentir as cores como os da casa. Así foi como terminou o proxecto.
-¿Esperaba regresar nestas condicións? ¿É Changui o salvador da entidade?
-Síntome partícipe dun grupo que intenta salvar ao Boiro, porque aínda non o conseguimos. Temos unha débeda económica importante, pero véxome con capacidade, xunta á directiva, afección e empresarios que botaron unha man para que o Boiro dentro duns anos sexa o que sempre foi, un bloque de aquí, cun 70-80 % de xogadores da comarca.
-A canteira será unha pedra fundamental.
-A nosa intención é traballar para que a base se vexa no primeiro conxunto. O paso inicial que demos foi xuntarnos coas escolas do Concello de Boiro. Non tiña sentido que unhas categorías estiveran nun lado, e outras noutro. A meta é formar mozos para que poidan chegar ao Boiro e que, nalgúns casos, o club sexa un trampolín cara Segunda B, Segunda ou incluso Primeira.
-Volvendo ao domingo, ¿foi este gol diferente?
-A verdade é que si. Foi un dos que máis celebrei. Polo que significa, polo que levamos loitado estes meses, pola directiva, xogadores que confiaron en nós e desestimaron ofertas maiores e tamén pola grada de Barraña e os socios. Os puntos eran moi importantes e a día de hoxe síntome moi contento.
-¿Había moita xente no campo?
-Sobre unhas 500 persoas, e iso que era un bo día de praia. É fundamental para nós, porque este proxecto baséase no apoio dos seareiros. Non están fallando e creo que será así toda a tempada.
-¿En que pensou máis, nas entradas ou no encontro?
-Máis no partido, claro, pero é bo saber que non estamos sós, que hai unha masa social detrás. É clave para seguir traballando.
-¿Canta é a débeda do club a estas alturas?
-Máis ou menos, sen maiores imprevistos, está en 300.000 euros. É unha suma grande para un club dun pobo, pero co tempo intentaremos saneala. Niso vamos a estar nos próximos catro anos.
-¿E o presuposto deste ano?
-Pode que sexa un dos máis baixos da liga, non creo nin que chegue aos 160.000 euros contando cos xuvenís.
-A débeda é o dobre.
-Si, si, tranquilamente. Estanse portando moi ben con nós as empresas ás que se lle debe, déronos facilidades de pago. Queremos emendala en tres-catro cursos, pero tamén debemos ter aos xogadores ao día. Quizás noutro sitio sería imposible saír desta situación, pero aquí estamos vendo que podemos. Vamos a tardar, pero o económico non vai afectar ao deportivo. A idea que temos é involucrar á canteira neste club, sexa cal sexa a categoría dos sénior.
-É algo clave para atraer público ao campo cada domingo.
-Si, é importante esa ilusión que espertas nos nenos e nas familias si se ven identificados coa xente que está no campo. Gustaríanos seguir en Terceira, porque sería máis rápido para pagar a débeda, pero o plan non vai cambiar. Queremos traballar para tódolos rapaces de Barbanza.
-¿Que ocorre coa base na zona?
-Cada un mira polo seu, o equipo está por enriba dos xogadores. Cando ías buscar un mozo para competir unha categoría por enriba, ou para intentar ascender, non cho deixaban ir si eras o Boiro ou o Ribeira. Esa idea temos que cambiala, as directivas teñen que mirar o mellor para os nenos, non para o propio club.
-¿Como che ven os compañeiros no vestiario?
-Dende o primeiro momento deixei claro que, nos adestramentos, son un máis do vestiario. Cando estou no club, teño que exercer de presidente, pero saben diferenciar ambas cousas. A situación era complicada e se podo botar unha man no campo e aforrar uns cartos e unha ficha pois mellor que traer a alguén de fóra que non sabes o que che vai aportar.
-¿Marcará en Vilalba?
-Ogallá, ou calquera compañeiro. Toda a temporada tocará sufrir e loitar para salvar a categoría, temos que ser fortes.