Eva Iglesias: E en Rianxo naceu unha estrela

Pisou un estudo de televisión con só 14 anos e agora forma parte do trío cómico máis popular de Galicia

.
M. A.
ribeira / la voz

Eva Iglesias (Rianxo, 1987) non se acorda da primeira palabra que pronunciou; seguramente tampouco da segunda. Pero si recorda que, cando era ben pequena, dixo na súa casa (máis ou menos) iso que cantaba Concha Velasco: «Mamá, quiero ser artista». Porque de soños non hai nada escrito. Aínda que poida semellar contraditorio, a esta rianxeira o éxito chegoulle sen querer, e non é unha forma de falar. «Miña nai apuntoume sen avisar á Canteira de Cantareiros do Luar. Enfadeime moitísimo con ela», conta. Corría o ano 2006 e tiña só 18 anos. Gañou, porque o que está claro é que, queira ou non queira, é desas persoas que nacen con estrela.

Pero vaia unha cousa por diante: Eva Iglesias é rianxeira. E Esta característica é tan importante para entender a súa vida como que percorreu Galicia de verbena en verbena durante case unha década e que agora forma parte do trío de cómicos máis popular da televisión autonómica. «Xa sei que o digo moito, pero é que estou moi orgullosa da miña vila», afirma. Con Rianxo por bandeira, a artista acostuma a romper os audímetros cada semana no Land Rober. Aínda que ela mesma se define coma unha cantante, o que máis fai ultimamente é actuar. O seu talento non pasou desapercibido e triunfa tamén en series de ficción coma Augasquentes ou Viradeira.

De cantareira a actriz

Poucos saben que a súa primeira aparición televisiva foi con tan só 14 anos. «Fun cantar a un programa que tiña polas tardes Ana Kiro. Ese foi realmente o meu debut», conta Eva Iglesias. Logo veu Xosé Ramón Gayoso, todo un experto en pulir os diamantes artísticos en Galicia. Pero pódese dicir que a alternativa deulla a esta rianxeira, como non, o presidente da comisión de festas da Guadalupe, o Xixí: «O ano que gañei a Canteira de Cantareiros subiume un día das festas ao escenario para cantar coa orquestra Marbella». Antes de acabar a verbena, xa se convertera na nova compoñente do grupo, no que estivo a maior parte da súa carreira musical.

Co amplo repertorio que abarca unha voz coma a de Eva, chama especialmente a atención que sexa El polvorete o tema que marcou un antes e un despois na súa vida. «Chamáronnos a unha compañeira e máis a min para cantala nun programa de televisión que daquela aínda non era moi coñecido, e dixemos que si», explica a rianxeira. Ese programa era Land Rober. Despois desa canción viñeron outras moitas e algunha frase nun sketch, ata que lle propuxeron formar parte do equipo como actriz. «Foi moi emocionante para min. O Land Rober, Roberto Vilar e Touriñán, déronme a vida», afirma a artista, que xa se consolidou no mundo do espectáculo con papeis en series como Fariña ou en pezas teatrais como Malo será!.

Máis alá da televisión

Pódena confundir con Marta, Chari, Ylenia ou ata Frozen, algúns dos seus papeis. Pero se hai algún personaxe que ten a esencia de Eva Iglesias, ese é o de Concha. «Cando estaba coas miñas amigas, eu imitaba a miña nai dese xeito. Levaba moitos anos dentro de min», comenta a actriz. Pode ser ese o motivo polo que algúns xa a rebautizan co nome da famosa xubilada, algo que non lle molesta en absoluto: «Ao principio facíase raro que me recoñeceran pola rúa, pero agora xa me acostumei e agradécese moito todo o cariño que recibo».

«Á fin e ao cabo , eu son cantante. É o que me corre polas veas»

A pesar de que o éxito artístico o acadou como intérprete, a rianxeira aínda se recoñece naquela nena que toleaba aos seus pais pola casa entoando os grandes éxitos de Isabel Pantoja. Bota de menos «a inxección de adrenalina» que dá subirse a un escenario e non descarta facelo máis pronto que tarde: «Á fin e ao cabo , eu son cantante. É o que me corre polas veas».

Non é o único reto que ten en mente. Ademais de comezar tempada no Land Rober, Eva Iglesias seguirá explotando a súa faceta máis cómica e estrearase este mes como monologuista. Sen demasiadas pretensións, pero con moita ilusión: «É algo moi diferente, porque estás ti soa diante do público. Pero apetecíame probar». Así, a rianxeira vai queimando un éxito tras outro, case sen querer, como cando todo empezou: «Conseguín cousas que nin sequera soñei».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Eva Iglesias: E en Rianxo naceu unha estrela