Antonio Piñeiro: O cronista plástico de Ribeira

L. MARTÍNEZ / A.l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Inaugurou no Lustres Rivas unha exposición dedicada ao dolmen de Axeitos

08 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o escritor Antonio Piñeiro se referiu ao seu amigo e pintor Antonio Pérez coma «o cronista plástico de Ribeira», ninguén se atreveu a discutir a pertinencia deste título. Nin sequera a modestia do propio artista: «Eu penso que esaxera, pero o certo é que é unha boa forma de resumir a miña traxectoria». Sucedeu na presentación da última mostra que o artista ribeirense inaugurou no centro Lustres Rivas da súa vila natal. Desta vez, este narrador visual quixo rexistrar para a historia un dos emblemas da cidade barbancesa que, sorprendentemente, aínda non aparecera na súa dilatada obra: o dolmen de Axeitos.

A exposición componse de 33 obras que reproducen o monumento megalítico a través da mirada de pintores senlleiros da arte universal. Axeitos representado como o farían o Goya, Picasso, Matisse, Renoir ou Van Gogh. Pero Antonio Pérez tamén fai un aceno aos creadores locais. Xerardo Crusat, Manolo Ayaso, Maralla Paz e Xoán Fernández ven plasmados o estilo, simboloxía e personaxes característicos dos seus lenzos no dolmen. «Coñecía ben a obra destes catro compañeiros e fun probando a introducir os seus sinais de identidade na propia estrutura do megálito. Creo que o resultado final é moi bo», afirma o artista, que obsequiará a cada un dos seus amigos co cadro correspondente. Outros dous irán parar ás coleccións do Concello de Ribeira e da Deputación da Coruña.

Homenaxe ao dolmen de Axeitos é a consecuencia de darlle unha segunda oportunidade ás ideas, que se poden reciclar incluso unha década despois. «O xerme desta serie de obras naceu no ano 2006, cando gravei un pequeno dolmen e lle debuxei por riba uns personaxes inspirados na literatura do escritor Valle-Inclán. Non me convenceu e tíveno gardado ata fai dous anos», explica Antonio Pérez. A curiosidade dun dos alumnos aos que lles imparte clases de pintura recuperou a peza do esquecemento e fixo rexurdir a inspiración logo de tantos anos.

Cambio de rexistro

Con esta mostra, o artista arrinca unha das poucas espiñas que tiña cravadas na súa vida profesional, xa que para Antonio Pérez o monumento de Axeitos supera a categoría de tesouro megalítico: «É como escoitar unha canción de Chavela Vargas ou como ver un cadro de Rembrant en vivo e en directo».

Nesta ocasión, o ribeirense troca de rexistro e abandona a temática mariñeira para meterse no mundo megalítico a través da técnica do gravado, pero tamén de outras moitas que lle permitiron chegar ao produto desexado: «Non intentei imitar as metodoloxías que empregan os autores nos que me inspiro, senón que simplemente busquei a mellor maneira de chegar a onde eu quería». Unha traxectoria de máis de 30 anos permítenlle a este mestre dos pinceis dominar o traballo con acuarelas, óleos, pasteis, tintas ou lapis. Poucas cousas lle quedan por probar, pero a súa paixón pola pintura impídelle colgar a paleta: «Vívoo con moita intensidade; é como unha cousa enfermiza. Non se pode explicar».

O próximo reto de Antonio Pérez pasa por continuar a súa investigación coas tintas de gravado e combinalas para acadar creacións máis vangardistas. Do éxito deste experimento, que ocupará o tempo do ribeirense ao longo deste ano, vai depender a apertura dunha nova mostra do artista. Para os curiosos que aínda non coñezan o seu traballo, o pintor exhibirá proximamente nunha sala pobrense unha retrospectiva da súa obra.

Onde e cando. As máis de 30 pezas que compoñen esta mostra pódense visitar de luns a sábado, e ata o 1 de setembro, no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira.

Obsequios. O artista vai doar un dos cadros ao Concello de Ribeira e outro á Deputación da Coruña, ademais de regalar aos pintores Maralla, Xoán Fernández, Ayaso e Crusat as creacións inspiradas nos seus respectivos estilos.