Noelia Gómez: Poesía xove, feminina e en galego

LAURA MARTÍNEZ / m.X.B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carlos Rei

A rianxeira vén de gañar o premio López Abente e vai publicar o seu primeiro libro

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un problema de fala que a afectou dende que era moi cativa fixo que Noelia Gómez tomara a palabra dun xeito diferente ao dos outros rapaces da súa idade. As verbas, pero plasmadas no papel, foron o mecanismo que atopou esta rianxeira para expresar os seus sentimentos e inquedanzas. Pouco a pouco, o que comezou como unha mera necesidade infantil, foise convertendo en algo totalmente intencionado, nunha vontade de transmitir mediante a escrita. Hoxe, esa rapaza ten 23 anos e forma parte dunha crecente canteira de poetas e, sobre todo, poetisas que xa están comezando a mudar o panorama das letras galegas. Coa súa obra O xiro vén de gañar a quinta edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente e vai ver editada a súa primeira publicación.

«Agora estamos noutro lugar rachando coa tradición da nosa familia e todo o que iso implica, que vai dende a relixión católica á idea da muller como un ente relacionado co fogar»

A perda da casa de orixe e dos membros da familia que nela habitan é o xerme deste poemario no que Noelia Gómez adopta a voz poética de toda unha colectividade: as nenas da aldea que abandonan o seu entorno de orixe. «Neste percorrido hai unha vontade de falar de todas esas rapazas que, coma min, nacemos e medramos no rural. Pero que agora estamos noutro lugar rachando coa tradición da nosa familia e todo o que iso implica, que vai dende a relixión católica á idea da muller como un ente relacionado co fogar», explica a escritora.

Pero o abano de temas que manexa a autora rianxeira é moi variado: «Hai outras descubertas que se van atopando ao longo da obra, como a aparición da escrita e da lectura como todo o que vai rexendo a vida e que vai dar lugar a ese movemento xiratorio». Precisamente ese desprazamento foi o que levou a Noelia Gómez a estudar Xornalismo en Santiago de Compostela e a trasladarse o pasado ano a Barcelona, onde cursa un máster en Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento.

Mulleres

Na obra da rianxeira pódese percibir unha xenealoxía feminina e feminista da poesía, con nomes propios coma Xohana Torres, Xela Arias, Lupe Gómez ou Eva Veiga. «Son algunhas das miñas referentes, aínda que contrariamente non comecei a ler versos escritos por mulleres ata os 15 ou 16 anos». Pero O xiro tamén se erixe coma unha homenaxe ás nais e avoas rurais que sentaron as bases da familia e construíron os fogares galegos. Confesa que ela comezou a sentir a perda que envolve a súa obra a partir do falecemento da súa avoa: «Así foi como naceu o poemario».

Nos próximos meses, este escritora novel vai ver cumprido o soño de publicar o seu primeiro libro. «Aínda estou nunha fase de asimilación. Non o acabo de crer. Non esperaba gañar un premio que anteriormente lle outorgaron a persoas cunha traxectoria bastante consolidada na literatura galega, coma Enma Pedreira ou Eli Ríos», conta Noelia Gómez. Aínda que non é a primeira vez que a rianxeira ve as súas verbas impresas sobre o papel: «No ano 2015 tamén seleccionaron un dos meus textos para o volume 7 relatos curtos contra a violencia de xénero, editado pola Universidade de Santiago de Compostela».

Tampouco é a súa estrea nos medios de comunicación. Fai catro anos, a rianxeira colgou xunto a tres amigos o vídeo Ghaleghos á plataforma Youtube, onde reivindicaban o emprego da lingua con seseo e gheada incluídos e que se converteu en todo un fenómeno viral. A moza admite que na escrita as cousas son ben distintas: «Nestes certames esixen o emprego do galego normativo», pero ten claro que «eu vou escribir sempre en galego».

Formación. Estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente está cursando en Barcelona un Máster en Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento.

Primeira publicación. Despois de proclamarse gañadora do premio López Abente, a rianxeira vai ver publicado o seu primeiro poemario, O xiro, da man da editorial Xerais.