Julián Moares: Un rianxeiro á vangarda do sector naval

Deseñou un proxecto que aposta pola fabricación de kayaks mediante a tecnoloxía de impresión 3D

A.G.
ribeira / la voz

Hai rapaces que, cativados polas grandes estrelas que ven na televisión, soñan con ser futbolistas. Outros poñen os seus ollos no ceo e deciden que de maiores viaxarán á lúa. O caso de Julián Moares Vidal (Rianxo, 1996) é ben distinto. El medrou mirando ó mar e empapándose do amor polos barcos, algo que na súa familia pasou de xeración en xeración como unha herdanza. Primeiro, da man dos pequenos buques de madeira que construía o seu bisavó e no taller naval do seu avó. Logo, a través do seu pai, patrón de barco. Por iso, este rianxeiro nunca dubidou de que se convertería en enxeñeiro naval.

Na actualidade, Julián Moares acaba de rematar o segundo curso da carreira na Escola Politécnica Superior (EPS) no campus de Ferrol e está nomeado ó premio Disruptive Technology Explorer Award, un galardón que o Centro Internacional Santander Emprendimiento outorga ás ideas máis innovadoras presentadas por mozos e mozas de toda España. O seu proxecto, 3D Boat Builders, aposta pola fabricación de embarcacións, coma kayaks ou canoas, cunha impresora 3D. Aínda que o estudante asegura que «eu non inventei nada novo», porque a tecnoloxía das tres dimensións xa se vén empregando en moitos outros campos, a súa proposta é a primeira que introduce a súa aplicación no sector naval.

Á medida

«A finalidade é facer kayaks adaptados ás necesidades e gustos do usuario. Que cada persoa poida elixir as medidas ou a cor que quere para a súa embarcación», explica Moares. Isto permitiría confeccionar dende piraguas con soporte para as canas de pescar ata orixinais deseños transparentes que permitan ver o fondo mariño ao tempo que se navega.

Pero vai moito máis alá. Ademais da súa natureza innovadora, a idea deste rianxeiro ten un claro carácter sustentable e social. «Outra das vantaxes da impresión en tres dimensións é que se pode empregar plástico reciclado, que tamén é máis barato», afirma o estudante. Seguindo este modelo, sería posible «facer canoas en países subdesenvolvidos como Camboya, onde os residuos plásticos se acumulan en grandes extensións de quilómetros cadrados e estas embarcacións se empregan como medio de transporte habitual, co único custe da corrente eléctrica».

Antes do seu nomeamento a este premio, que se resolverá no prazo dun mes, 3D Boat Builders xa deixou perplexos ós organizadores do programa Explorer, unha iniciativa dirixida á xuventude emprendedora. O proxecto foi seleccionado entre máis de 40 candidaturas para recibir formación sobre materias como mercadotecnia, comunicación ou finanzas, que os estudantes deberán aplicar aos seus proxectos. «Son coñecementos xerais que me van axudar, sobre todo, a cometer os mínimos erros posibles no meu futuro negocio», conta o estudante.

Emprendedor

Despois desta primeira fase de planificación, Julián Moares xa está traballando para que o proxecto vexa a luz: «Vou dedicar o que queda de verán a deseñar unha impresora de tamaño mediano coa que poida ir facendo probas». O seguinte paso sería construír unha impresora 3D «de entre seis e oito metros de altura», que o rianxeiro espera ter operativa a finais deste mesmo ano. Esta máquina permitiríalle converter en realidade a súa idea e sentar as bases dun negocio futuro.

Pero o estudante sabe que o difícil comeza agora e as pedras no camiño empezan a aparecer. Moares necesita un espazo máis grande onde montar o dispositivo de impresión: «Estou arranxando un local, pero non ten o tamaño suficiente para instalar a impresora máis grande». Tema á parte é o económico. Julián non conta con ningunha axuda máis alá dos seus aforros. Ademais, os materiais e pezas que emprega só se fabrican en China, co gasto de transporte adicional que isto supón.

Os obstáculos que se foi encontrando non fan dubidar ao rianxeiro. Os seus plans de futuro pasan por finalizar os estudos en Ferrol e sacar esta idea adiante: «Se teño que traballar para outros fareino, pero sempre pensando en que é algo temporal e para coller experiencia. Quero sacar adiante este proxecto e montar a miña propia empresa».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Julián Moares: Un rianxeiro á vangarda do sector naval