Unha volta

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha volta polo medio, outra polo arredor... Esta popular pandeirada, que agora relanzou Luar na Lubre, escoitáballa eu á miña nai sendo un cativo, se ben ela cantaba que o pandeiro era de coiro de ovella e non de cacique que, por haber, xa os había, como testemuñou Castelao. Ben, o que pretendo con esta alegoría é darlle sentido á lóxica da dobre volta nas primarias do PP, un recurso do máis democrático cando un candidato non reborda a metade dos sufraxios na primeira rolda, como é o caso de marras e como se fai ata en Malí ou Romanía.

Tamén debo recoñecer que Pablo Casado mólame moito máis que Soraya, dende que o ano pasado dixo na UCV, que «...al populismo y al nacionalismo solo se les va a derrotar haciéndolos innecesarios» en clara alusión a que cómpre modificar a lei electoral de 1985. Nisto coincide con Albert Rivera, aínda que de ámbolos dous descoñecemos como conxugar as listas abertas, o principio de cada persoa un voto, garantir a distribución territorial do poder lexislativo así como a igualdade de oportunidades para participar nos asuntos públicos como reza a Constitución.

Porque non debemos esquecer que, dende a transición, o que tivemos -e seguimos tendo-, é unha democracia malpocada que vai pola mesma senda de repetir os acontecementos da Segunda República de 1931. Hoxe en día, para documentarse, non fai falla encher a casa de custosos libros de historia para decatarse de que non se soluciona nada, todo o contrario, exhumando os restos de Franco. Deben estar alí, precisamente, para disuadir a gobernantes imprudentes de que a historia se repita.