Nalgúns países europeos -e sobre todo nesa cadea de cidades e capitais que transita entre Barcelona e Nova York- están de moda os cazadores de tendencias gastronómicas. Non é unha risa: hoxe os investidores económicos pasan da cociña afroperuana á nipotailandesa en cuestión de meses.
Nos últimos dous ou tres anos veño notando o nacemento dunha tendencia gastronómica en Galicia: a da comida «homenaxe». Non me entendan mal: non me estou referindo ao típico banquete de compañeiros de traballo que celebran unha xubilación, ou unha churrascada masiva para parroquia e media. Son os peregrinos a Compostela os que están a construír un novo hábito.
Trátase de que, tras chegar á cidade compostelá, ou a Fisterra, deciden celebrar, con outros camiñantes, unha gran comida. Dependendo do gusto, escollen a clásica mariscada ou apostan por locais máis modernos. Collen as bermudas de gala e as chancletas de charol, e buscan un bo sitio para celebrar. Poden seguirlles o rastro en Trip Advisor. Pois ben: hai uns cantos restaurantes do país, non necesariamente en Santiago, que compensan o escaso entusiasmo local pola cociña moderna con estes novos clientes. Viaxeiros cansos que buscan experiencias únicas despois de tres semanas de cociña de rancho. Téñoos visto mirar con sorpresa (alegre) a conta, sorprendidos dos baixos prezos da alta gastronomía galega. Somos moi competitivos.
¿Pódese desenvolver máis ese mercado? ¿Temos unha oportunidade nas comarcas próximas galegas?
Aí queda a idea para quen a queira coller.