Carmen Figueira: «O importante é atopar xente que se implique e busque o ben común»

Os socialistas pensan xa nos vindeiros comicios locais mentres manteñen o papel de oposición construtiva

.

Ribeira / La Voz

A Carmen Figueira tocoulle a difícil papeleta de substituír como candidata do PSOE de Rianxo ao finado Carlos Gey apenas tres meses antes das últimas eleccións municipais. Asumiu o reto e diante dos micrófono de Radio Voz Barbanza valorou o papel que o seu grupo está a desempeñar na oposición.

-Por primeira vez na democracia, o PSOE de Rianxo está na oposición, ¿como valora esta etapa?

-Sempre tivemos claro que iamos ser unha oposición construtiva e colaborativa. Igual tería que poñerme moito máis dura se soubera que o executivo ten unha variña máxica e non a utilizara para fomentar o emprego, que o saneamento estivera completo... Pero non é así e o que estamos facendo é ir sacando as cousas de xeito consensuado. De todos xeitos, incluso nun goberno en maioría, eu intentaría tomar as decisións por consenso porque é o único xeito de que acertes.

-¿E como valora o labor que está a facer o goberno local?

-Entendo que seis concelleiros son poucos para levar todas as áreas, pero unha das cousas que criticamos sempre son os recoñecementos extraxudiciais de crédito nos que recollen cuestións que nós cremos que non son inescusables, inevitables e inesperadas. Vemos un pouco de descoordinación na execución do gasto. Axudaría ter os orzamentos aprobados e realmente non sei por que non os teñen.

-¿Cales son os retos que ten por diante Rianxo como Concello?

-Poñer en marcha o polígono industrial, creo que algunha xestión xa se fixo para abaratar o prezo do chan, pero tamén poderían construírse naves para aluguer. Sería unha posibilidade para xente que ten un proxecto, pero non os recursos para facer un investimento tan importante. Tamén nos parece importante revitalizar o comercio local.

-¿Que expectativas teñen para as eleccións do 2019?

-Nós como partido e como grupo intentamos por suposto ser os primeiros. Tivemos unha asemblea e estamos no momento de ir animando á xente a que forme parte da nosa lista e ir elaborando un programa de cousas sinxelas que necesitemos para poder vivir mellor en Rianxo e nas parroquias. Entre todos é máis fácil ver as necesidades reais da xente. O importante neste momento é atopar xente que se implique e que busque o ben común. Hai que ter en conta que no 2015 tivemos que facer todo en tres meses despois de perder a Carlos Gey e houbo un momento que case parecía que non iamos atopar xente para facer a lista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Carmen Figueira: «O importante é atopar xente que se implique e busque o ben común»