Recuperarse toca

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi unha das mellores xogadas de farol que se poden facer no póker, xogar forte con cartas frouxas que, segundo os entendidos, consiste nun falso envite aproveitando que o opoñente anda despistado e Mariano Rajoy, acovardado e inquedo polas enquisas e cegado pola ambición, confundiu que o seu inimigo viña pola dereita de Albert Rivera e, convencido das liortas de Pedro e Pablo, fiándose dos nacionalismos traizoeiros e minimizando os perigos dunha dispersa pero real e mediática esquerda, perdeu a cabeza, o control e a presidencia.

Pero para que se chegase a esta rocambolesca situación hai outras cuestións que pasan un tanto desapercibidas pero que cómpre analizar, porque non foron as sentencias de marras a causa da súa caída, porque a Mariano non o tiraron, caeu polo seu propio peso, que non é outro que a súa incoherencia política e ideolóxica (aborto incluído), emporiso Sánchez pode gobernar á perfección, dende unha perspectiva de esquerdas, cos presupostos aprobados.

Polo tanto non deberiamos preocuparnos en demasía por este goberno alcumado Frankenstein. Por poñer un exemplo barbancés, ¿que hecatombe representou Lois Piñeiro, agás a de amolar ao BNG, na Pobra? O realmente preocupante está en como a nosa dereita política real, que existe, pode artellar agora un discurso para que este país recupere as esencias conservadoras e liberais de Aznar en concordancia co que acontece na UE, onde só sete dos 28 xefes de goberno proveñen da esquerda, cando ata a socialdemocracia está en crise. Claro que, como todos ben sabemos, Spain is different.