A estrada da vida


Percorrendo devagar... este tapiz floral, que se deixa engaiolar nunha sedución de rechouchíos, e mesmo no alborexar transforma esas carballeiras de maino zoar en improvisado auditorio. Variedade no ansioso trino, necesitado de conquistar unha parella para como alados danzar. Acaso esta necesidade de musicar non é un denominador común na maioría de seres vivos? Seguro que as persoas, en grande número, posúen esa debilidade e sensibilidade para con acordes rítmicos e afinados, e ante a musicalidade dunha ultreia somos quen de traspasar o pórtico do real e singrar en mares de embriagador feitizo.

Noites de luarada na coral estrelecida, que despois do solpor, e na procura da hora embruxada, queren escoitar ese amenizar dunha terra ansiosa do seu mar, de constante bicar.

Terra e mar, Na estrada da vida, o canto dual de Xosé Luna e Manoele de Felisa, nun traballo que emerxe dende o mimetismo de dúas personalidades que se complementan con ideal perfección nun obxectivo común.

O mar de Manuel Antonio, ese poeta que deixou a súa pegada rítmica nunha marusía recollida en Guimarei polo poeta-escritor Xosé Luna. Mais ese océano asolagou terras de Cuntis, a vila das termas, no lugar de Piñeiros, onde a voz de Manoele de Felisa emerxe coma un repenique entre o abalo e o devalo, en temas con intenso arrecendo de argazo. En A rosa dos ventos e Un bico no faro.

A terra de Neira Vilas, o vate do Gres universal, mensaxeiro da concordia e a humildade personificada, un ser admirado polo dúo que recolleu con grande precisión o frescor dese orballo do alborexar nas insuas brincadeiras do gran Pepe, para compoñer e cantar temas tan fermosos coma Pandeirada solar ou Quenta o sol.

Estamos ante un disco-libro, con 14 temas, de diferentes estilos, mais cunha orixe común, amor á vida en todas as súas manifestacións. Unha paixón que se irá espallando por calquera recuncho en forma de concertos por esa Estrada da vida, preparada para acadar o favor de calquera persoa con sensibilidade de barrelo, sons harmoniosos estimulantes de ilusións na portela da felicidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A estrada da vida