Francisco González: «Rematar esta andaina significa desafiar ao imposible e vencer»

Os organizadores da quinta andaina dos 100 quilómetros en menos de 24 horas xa probaron o trazado desta edición


Ribeira / La Voz

Xa está todo preparado para que o 30 de xuño teña lugar a quinta edición da andaina máis esperada da comarca, a dos 100 dos International Trekkers, unha proba de cen quilómetros a completar en menos de 24 horas. O presidente do colectivo organizador, Francisco González Lojo, non perde o tempo e xa probou o circuíto deste ano a semana pasada. Aos seus 70 anos recen cumpridos, resposta ás preguntas desta entrevista ao outro lado do teléfono, mentres se atopa subindo unha pendente nunha ruta de 50 quilómetros en Salceda de Caselas.

-¿Cales son as claves do circuíto debuxado nesta edición?

-O certo é que a evolución da proba e do trazado están sendo perfectas. A semana pasada rematamos a preparatoria en 22 horas cun tempo en movemento de 18. Esta vai ser un andaina con moi pouco asfalto, menos do 5 % do total. Ademais, temos uns 2.870 metros de subida acumulados e o pico máis alto está a 545. Non é un paseo.

-¿Podería facernos un repaso dos lugares que percorrerán?

-Este ano contamos cun circuíto duro, pero quizais sexa o máis belo de todos os que se fixeron e no que os ríos terán un peso fundamental. A saída levaranos a percorrer a costa sonense ata o Dolmen de Axeitos e o río Artes. Prevemos que o solpor caerá durante a subida á Curota, á altura do mirador de Valle-Inclán. Dende alí chegaremos ata A Portela e o nacemento do río Pedras para baixar ata o de Coroño en Boiro. Trala subida a San Ramón de Bealo atravesaremos o cauce do Beluso ata Castro Barbudo en Ourille e de aí ao parque de San Lourenzo para cruzar o río Cesures e despois chegar ao Lobo en Tállara. Tamén pasaremos polo monte San Lois para dar a volta por Camboño e regresar a Porto do Son.

-¿Volverán a contar con tecnoloxía punteira este ano?

-Por suposto, xeolocalizaremos a cada participante cun chip e poderemos comprobar a súa posición en todo momento. Tamén se quitarán imaxes aéreas con dron nos lugares máis espectaculares e coa intención de fomentar o turismo nestes sete municipios. Nese senso, quero agradecer a implicación aos Concellos e aos empresarios que nos apoian. Tamén teremos puntos de avituallamento cada 12 quilómetros e unha carpa na meta que acollerá a cea para 400 persoas.

-¿Que significa para vostede e que cre que significa para a comarca esta andaina?

-Rematar esta andaina significa desafiar ao imposible e vencer. Ata os 60 anos, eu non comecei a andar. Dende entón ata os 70 xa rematei máis de 60 andainas de 50 quilómetros, pero acabar a dos 100 é una sensación como a de se che tocara a lotería.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Francisco González: «Rematar esta andaina significa desafiar ao imposible e vencer»