O espazo de confort

 francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

12 may 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Chegou Xulio preguntando qué debíamos pensar se, como a el, no bus no que volvía á casa, estando todos os asentos baleiros, alguén foi sentarse ó seu carón. E xa tivemos debate. Non nos dixo se era unha persoa nova ou vella, home ou muller. Só que mirou para ela, ela devolveulle a mirada e el estendeu o brazo coma quen pon un valado a mans alleas e fixo o resto da viaxe en tensión. Pero non pasou nada. Os carteiristas e os obsesos acostuman meterse na morea, onde lles é máis doado o contacto físico e pasar desapercibidos. Logo a pregunta, neste parladoiro onde non faltan problemas de varias incógnitas, era sobre a persoa que sentou, porque non se ten a mesma actitude se se trata dun tipo rudo (en masculino) ou dunha moza (en feminino). E a outra pregunta era como actuaría unha muller que fose a única ocupante do bus e el, un sesentón, sentase ao seu lado.

¿Cantas veces o roce con outra persoa nun medio de transporte público non recibiu unha mirada de desconfianza? Pois, a pesar de sermos animais gregarios, dependendo do lugar, a proximidade non sempre é aceptada de boa gana. Na porta da discoteca mantense unha prudente distancia que se acurta ata a procura do contacto físico a medida que entramos.

A linguaxe corporal ten moita relación con iso que se dá en chamar o espazo de confort, no senso de acurtalo ou non, ese círculo de radio indeterminado que se supón que nos pertence a cada un e non debe ser invadido por ningún veciño, amigo, compañeiro ou interlocutor; un espazo que varía segundo se estea con alguén coñecido ou non, dentro ou fóra dun local, cunha persoa do mesmo xénero ou con quen se mantén unha relación puramente profesional. A proximidade pode revelar un nivel de amizade, pero tamén de acoso; e a distancia, un de frialdade ou de falta de interese. Non é doado saber canto de cerca é demasiado cerca.

Arrimarse a alguén para musitarlle un ruxerruxe provoca doadamente, nese alguén, un paso atrás, ou unha inclinación contra atrás, apartándose un pouco, tomando distancia, e non por medo precisamente, senón porque instintivamente cada un de nós apropiámonos dun espazo que nos custa moito ceder, e vemos nesa aproximación algo así como unha invasión.

Algúns entendidos ata dan a distancia en metros para establecer unha area de comodidade sen acoso nin desafecto, dependendo de onde e do que se procura. De feito, ese nivel de proximidade non se entende igual nun país nórdico ca nun do sur.

O meu amigo Afonso non dúbida en collerme do brazo cando paseamos, unha actitude que a certo veciño retornado de Alemaña lle dá vergoña e incluso se ten cambiado de beirarrúa para non mesturarse con nós. Porque, ademais do sambenito de fríos que teñen os nórdicos, tamén lle colgaron ós do sur o de demasiado arrechegados, tan dados como somos a entrar nos bares abarrotados, onde é moi normal que non nos dediquen toda a atención que nos dedicarían nun con pouca xente.

Xulio, amigo de facer cálculos, mide a distancia prudente como aquela na que non se percibe o cheiro ou o arume do perfume do noso interlocutor, ou o nivel do sonotone.

Eu, digan o que digan, non me molestarei porque Afonso me colla do brazo.