A Galea rexurde coa Romaría dos Devanceiros

La Voz

BARBANZA

ANTÓN PARADA

Unha vintena de persoas lerán versos, haberá unha voda polo rito celta, e unha visita á Biblioteca das Primeiras Letras

01 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que o 1 de maio sempre se asocia ao Día Internacional do Traballo, no lugar boirense da Galea as reivindicacións pouco teñen que ver co mundo laboral. De feito, o que importa nesta festa, que xa suma a súa quinta edición, é recoller o legado cultural dos antepasados. Non é de estrañar que, por este motivo, a celebración leve como nome a Romaría dos Devanceiros. Guillerme Caxaraville teno claro á hora de explicar porque xurdiu esta iniciativa: «A festa faise para lembrar a aqueles que fixeron algo pola nosa comarca a nivel cultural, tanto na literatura como no periodismo, a fotografía, a etnografía... Sempre imos recordando a xente que faleceu e que fixo importantes achegas á nosa cultura», afirmou.

Nesta ocasión, os homenaxeados serán o escritor e mestre Carlos Mosteiro Fraga, que morreu o ano pasado, e o cura e teólogo Eladio Oviedo Arce, unha gran personalidade que participou na fundación da Real Academia Galega e que finou no 1918.

Programa festivo

Os actos conmemorativos arrancarán sobre as 12.30 horas, fronte ao cruceiro dos Devanceiros, onde terá lugar unha ofrenda floral e un recital poético relacionado coas tradicións de maio. Guillerme Caxaraville calcula que serán unhas vinte persoas as que lerán versos, algúns os levarán da casa e outros llos deixará el.

Logo haberá unha visita guiada á Biblioteca das Primeiras Letras, onde os participantes poderán descubrir todos os segredos que garda este recinto. Ademais, se o tempo acompaña tamén está previsto facer una ruta pola Aldea Esquecida, aínda que todo dependerá de si chove ou non, «porque está todo anegado».

Outras das citas desta Romaría dos Devanceiros será unha voda polo rito celta. «Collemos unha parella de aquí da bisbarra e aproveitamos para casala. Eles están encantados de facer unha cousa un pouco mística, que no pasado era algo normal pero agora non se fai», explicou Caxaraville.