O técnico acadou o título de campión co equipo sénior no seu primeiro ano e aposta por profesionalizar o club
27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Como un ave fénix, o baloncesto de Santa Uxía comeza a renacer das súas cinzas. Agochado detrás das lapas atópase un equipo, o Club Baloncesto Ribeira, cuxo núcleo duro decidiu poñer toda a carne no asador para dinamizar un deporte que ama. O técnico Richi Santos (Ribeira, 1976) é un dos culpables do éxito do conxunto sénior, que na súa primeira tempada acadou o título de campión e o ascenso á Liga Zonal A.
-¿Regresou o Club Baloncesto Ribeira por todo o alto?
-Fai un ano decidimos darlle un novo aire ao conxunto. Faltábanos a participación dos socios e dos pais e solicitámoslla. Comezaron a colaborar coa directiva neste traballo oculto de fontanería que pasa por acadar patrocinios, xestión diaria... A pequena empresa estase implicando moito co club. É un esforzo que é de agradecer e que explica o crecemento de entidade.
-A posta en marcha do primeiro equipo foi determinante.
-En 2012 comecei a colaborar co Ribeira e puxémonos unha meta, que en cinco anos tiñamos que contar cun conxunto sénior. Cumprimos e cun resultado moi gratificante. Non esperábamos chegar e bicar o santo, pero realmente foi así. Coa canteira que temos, tal e como se traballa, era unha pena que eses rapaces, despois de estar con nós seis ou sete anos, tiveran que marchar ou deixar este deporte. Non era lóxico, por iso esa necesidade de sacalo e de facer o esforzo.
-É un bloque que se sustenta no equipo xuvenil do ano pasado.
-Tíñamos unha gran xeración de júniors e era o momento. O 80 % do bloque ven de aí. Ademais regresaron outros que estiveran no club, como Dani Pego, Fran Pereira e Álex Cadabal.
-Máis aló deste ano, ¿que metas se marcan a longo prazo?
-Queremos consolidar a base e o sénior. O gran problema que temos é poder contar cunha estrutura sólida. Na base é onde se atopa o traballo máis importante e precisamos de adestradores. Estámolo levando entre os compañeiros, poñendo un gran esforzo e debemos dar un paso adiante para darlle unha pincelada de profesionalidade. Se queres dar un servizo de calidade é necesario contar con medios. Vontade hai, pero precisamos tamén o apoio e a implicación das grandes empresas no noso proxecto.
-¿Precisarían técnico a xornada completa?
-Agora está adestrando xente do club, que ten os seus traballos e que debe adaptarse aos horarios dos nenos. Non sempre é posible. Precisaríamos a un xestor deportivo que se implicara ao 100 %, pero para iso necesitaría un salario. Na actualidade hai 80 xogadores, contando os absolutos. Eu levaba categoría inferiores, pero agora co meu traballo ata as oito non podo adestrar e tiven que quedar só co sénior. Estamos a por todas, pero con máis medios poderíamos dar un salto de calidade. Estamos traballando para conseguilo.
-¿Que saúde mostra o baloncesto na comarca?
-Este deporte ten moito marxe de crecemento na comarca. Cando eu empecei xogaba ao fútbol no Artes e o único equipo de baloncesto que había era o Ribeira. Daquela había un absoluto moi forte, pero agora está crecendo moito a base. En cada concello hai un equipo que traballa esas categorías. A clave é a canteira, hai que sementar para poder recoller mañá.
-¿Cales son os maiores beneficios deste deporte?
-Cando son nenos deben probar todo tipo de disciplinas. Nesas idades poden conxugar actividades. Os de equipo teñen un obxectivo común, que é fortalecer as relacións, a tolerancia, a comprensión e o esforzo en equipo. O importante non é o deporte que practique, senón que se faga.
-¿Por que morreu o baloncesto en Ribeira?
-O gran problema quizás foi que sempre se estivo apuntando moi arriba sen facer traballo de base. Viña xente de calidade, pero de fóra. En certa maneira foi que, cando ao sénior lle foi mal, non había base e desapareceu todo.
-¿Cales son os plans máis inmediatos?
-Estamos coa copa cos absolutos, queremos manter a chispa. Na base, estamos pensando en organizar un campus dunha semana. Ata agora non se fixo e estamos traballando niso.