Paula Suárez: «Estamos utilizando o móbil como ferramenta de castigo para os nenos»

A. novo / a. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARTINA MISER

Aposta por que os pais establezan unhas normas concretas de uso dos teléfonos

20 abr 2018 . Actualizado a las 16:24 h.

As novas tecnoloxías facilitan moito a vida, pero tamén poden ser un serio perigo se as manexan os menores e non coñecen os límites. De todo isto falará esta tarde a pedagoga Paula Suárez na galería Sargadelos, que fue organizada por la Asociación TDAH Salnés dentro de sus actividades de la Escuela de Familias. Previamente, fixo unha parada nos micrófonos de Radio Voz para explicar en que consiste o seu traballo.

-O tema está de actualidade e preocupa moito aos pais.

-É un tema que preocupa moito e polo que hai pouca sensibilidade. As novas tecnoloxías chegaron ás nosas vidas dunha maneira moi rápida e somos usuarios delas tanto os maiores coma os rapaces. Moitas veces os propios adultos, que non sabemos como xestionar estas ferramentas, ao final o que facemos é non educar ben aos nosos fillos no uso delas e tamén transmitimos a idea de que son nocivas. Eu vou intentar darlle unha volta e ofrecer unha serie de consellos sobre o uso do móbil: cando hai que darllo, como minimizar conflitos na casa, e educar un pouquiño aos pais nese uso.

-A dependencia dos móbiles está causando moitos problemas.

-Nestes intres, coas novas tecnoloxías están xurdindo conflitos familiares. Non educamos e logo as condicións nas que deixamos eses móbiles e esas tabletas non están reguladas, entón no día a día xorden problemas sobre o uso do teléfono, canto tempo, se quero ler o que hai nas súas redes sociais... Hai un límite entre a educación e a intimidade que o Goberno está regulando, pero os pais non saben moi ben ata onde poden chegar como pais, e os fillos tampouco saben a onde poden chegar como fillos. Hai problemas e algúns están chegando aos xulgados porque acaban derivando en violencia, porque se pasa das advertencias verbais ás ameazas físicas. Non o estamos facendo ben dentro do bo que son as tecnoloxías.

-¿Que vantaxes teñen as novas tecnoloxías?

-Unha cousa que quero deixar clara é que as tecnoloxías son moi boas, o que hai é que saber como xestionalas e abordalas.

-¿Que consellos daría aos pais?

-Os pais están moi desconcertados. Hai que ter en conta que un teléfono é unha ferramenta que chega a moitos lados, porque ten conexión a Internet, ten conversas con outras persoas e é algo que está moi oculto. Unha parte dos riscos é a violencia invisible, estanse dando casos de violencia entre iguais, o chamado sexting (o envío de fotos masivas a través de aplicacións como WhatsApp). Como é unha ferramenta de uso individual prodúcese esa violencia invisible porque non hai ninguén máis que o receptor e o emisor. Este tipo de violencia non se percibe ata que empezan a amosar certas condutas que nos indican que pasa algo. Os pais fan ben en estar preocupados, e aí hai que incidir, porque hai que xestionar ben o problema na primeira infancia, na educación primaria, porque se lles están dando os teléfonos aos nenos moi pronto.

-¿A que idade hai que darlle un teléfono?

-Non hai unha idade concreta. A min non me gusta dicir se aos 16 ou aos 18, porque moitas veces diría que nin aos 24. Como é unha ferramenta con tanto uso e chega a moitas partes, ou tes moita cabeciña ou ao final podes mal utilizalo. Eu creo que hai que ver ao rapaz, que tipo de maduración ten, ver como o está empregando e dar unhas normas, que o que fan é ensinarlle a usalo. O problema nestes intres é que se pasa moito tempo diante das pantallas, réstanse horas de sono e o que estamos vendo os profesionais é que isto inflúe no desenvolvemento psicolóxico.

-¿Cando hai que establecer unhas pautas?

-O que pasa agora é que estamos utilizando o móbil como ferramenta de castigo para os nenos. Os rapaces están acostumados a ter a súa independencia a través do teléfono e iso xera moitos conflitos. Eu son da opinión de que hai que establecer unhas normas de uso aos 12, 13 ou 16 anos, cando dás ese primeiro móbil ou tableta. Hai que saber se o damos ou o prestamos, porque legalmente non é o mesmo que unha ferramenta sexa regalada ou cedida. Se é seu, non podemos entrar na súa intimidade. Se o facemos ben desde o principio imos ter o camiño rodado. Pode que xurdan conflitos, pero non serán tan violentos porque establecemos unhas normas.

Charla. Será esta tarde, ás 20.00 horas, na galería Sargadelos de Boiro, e a entrada é gratuíta. A conferencia levará por título Nuevas tecnologías. Beneficios y riesgos para nuestros hijos.