Non máis erros

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Pois si, non é doado abstraerse do que acontece en Cataluña xa que supera tódolos comportamentos paroxísticos inimaxinables, pero se hai algo que quedou bastante claro nesta traxicomedia é que un dos grandes principios xurídico-políticos dos EE. UU. de América, law and order (lei e orde), funciona, o que debería definir o rumbo para afrontar o gran reto secesionista, que nos está custando moitos cartos, bastantes desgustos e unha boa parte do desgoberno español. ¡Os políticos cataláns tamén teñen medo á cadea e demais condenas de culpa!.

Agora ben, non abonda con dispoñer de órganos xudiciais eficientes que adopten resolucións severas axustadas a dereito se hai deficiencias policiais e, neste caso, os Mossos d’Esquadra son un gran hándicap obstrucionista para corrixir a deriva catalanista, un dato obxectivamente amosado nesta crise institucional.

Pero agora, coa detención de Puigdemont, o procés, loxicamente, vai seguir con máis virulencia e, incluso, producir un efecto dominó, polo que cómpre anticiparse aproveitando que o PSOE está tocado pola súa deriva programática, o que debería favorecer que entre Ciudadanos e o PP configurasen unha gran maioría política, sempre que os populares non sigan coa tentación de «suicidarse» cos socialistas que son os máis culpables desta situación propoñendo un autonomismo federal, algo que a meirande parte do pobo español rexeita, incluída a maioría social de Cataluña. Pode que os acontecementos supoñan unha nova aplicación do artigo 155 e, neste caso, non se deberían cometer os erros da que aínda está en vigor.