Fran Sieira: O soño da danza feito realidade

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Apostou todo á carta do baile e vén de fundar a súa compañía, que se estreará en abril

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tahume, a agrupación que revolucionou artisticamente a parroquia de Olveira, abriulle os ollos e descubriulle, cando tiña só 8 anos, unha afección que o namorou desde o primeiro momento. Desde entón, Fran Sieira soñaba con vivir da súa paixón, do baile tradicional. Arriscouse e, polo menos de momento, gañou a partida. Pero o camiño das artes non é doado. O ribeirense compaxina a dirección da formación que o veu medrar cun dos grupos punteiros da comunidade, Nova Galega de Danza. Agora vén de dar un paso máis, fundando unha compañía que leva o seu nome. O vindeiro paso é poñer en escena o primeiro espectáculo, un reto que está a piques de facerse realidade.

Pouco podía imaxinar aquel neno que descubriu de súpeto a paixón pola danza que hoxe estaría entre os grandes de Galicia. «Eu tiña 8 anos e, de repente, coma o resto de nenos e mozos de Olveira, vinme envolto naquela moda de bailar. O certo é que quedei impresionado desde o primeiro día, foi algo máxico», lembra Fran Sieira. Co paso do tempo, pasou de ser alumno a coller as rendas da agrupación: «E que sexa por moitos anos máis».

Pero chegou un momento no que contribuír a garantir a permanencia de Tahume non era suficiente. Licenciouse en Empresariais, pero ansiaba que o baile se convertera no seu medio de vida. Hai un par de anos presentóuselle a oportunidade de facer realidade o seu soño e non o pensou dúas veces: «Entrei a formar parte de Nova Galega de Danza e deixei o traballo que tiña como técnico administrativo nunha empresa para dedicarme por completo ao baile». Pero no mundo das artes, estar entre os mellores non sempre é suficiente: «O eido da danza é moi complicado e, aínda que tamén imparto clases en diferentes agrupacións, vía que non era suficiente. Ademais, gústame ensinar, pero tamén me apaixona bailar».

«Entre soños»

E foi entón, hai catro meses, cando xurdiu Fran Sieira, Compañía de Danza: «Decidinme por un formato pequeno para tratar de abrirme oco neste mundo, que non é nada doado». Neste intres, o ribeirense xa lle está dando forma a Entre soños, o que será o primeiro espectáculo da agrupación. Enriba das táboas contará coa colaboración de Chisco Feijoo e de Aida Tarrío, unha artista de Aguiño que forma parte do grupo de música tradicional Tanxugueiras. Xuntos contaranlle ao público unha historia que fala das frustracións e dos soños que todo o mundo querería perseguir, aínda que non todos se atreven a dar o paso: «Ten moito de autobiografía e narra esa encrucillada na que case todos nos vimos en algún momento da vida».

Fran Sieira xa ten marcadas as datas para a estrea deste espectáculo: o 28 de abril en Noia e o 6 de maio en Ponteareas. Faltáballe o orzamento, pero tamén está a piques de superar ese obstáculo. Recorreu a unha campaña de mecenado e xa ten no peto os 2.850 euros que se marcara como obxectivo: «Ao principio non vía esta posibilidade, pero recomendáronma uns compañeiros que están no mundo da publicidade e decidinme. É unha forma de que a xente se sinta partícipe do proxecto, ofrecéndolle incluso a oportunidade de reservar entrada para a estrea». Co que non contaba era con que, co paso do tempo, o que concibira coma un espectáculo de pequeno formato iría gañando envergadura: «Agora mesmo, esta contía só cubre o 10 % do que me está custando a produción, pero é unha axuda importante. Quero que teña a calidade dun gran espectáculo e iso verase na escenografía, na iluminación e mesmo na música, parte da que se encarga Anxo Pintos».

Neste Entre soños, como en todo o que fai Fran Sieira, hai moito de Ribeira e de Tahume: «Emprego todos os mecanismos que fun aprendendo e dou un paso máis ou un paso diferente para narrar unha historia a través dos pés, dos brazos e da expresión corporal».