O vertedoiro celestial

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

17 mar 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Como se todo o ben viñese do ceo e non da terra que pisamos, sempre agardamos que el nos bendiga ou que del nos caia a sorte como o maná daquela vez. Pero iso non soe pasar. Pasou no bíblico deserto, e non sabemos se non sería unha licenza literaria coma tantas outras, porque do que do ceo nos pode caer todos temos algunha anécdota que contar, sobre todo se somos de porto de mar. E para exemplo de que non todo o que cae é bo, lembraredes o de Esquilo, que o pobre refuxiouse no campo precisamente para evitar contrariedades celestiais, tal vez confundindo o ceo cos balcóns ateigados de testos colgados nas rúas polas que andaba, e foille caer na cabeza unha tartaruga, un dos animais máis pegados ó chan que existen. Asemade, saberedes que o paraugas inventouse como medio protector e se do ceo caesen cousas boas os tellados terían forma de funil.

Ninguén está libre da mala sorte, e agora menos, con todo ese reboutallo de ferranchos, motores, cables e chapas dos satélites artificiais en desuso que flotan abandonados á súa sorte arredor da terra, aproximándose perigosamente ós puntos en que alcanza a gravidade para traelos tal raios de Zeus que nos partan. E se ben cando son anacos pequenos, o roce coa atmosfera convérteos en diminutas estrelas fugaces que case nin se ven, doutros sabemos que cruzan por encima das cidades como bólidos provocando o pánico.

O temor, estes días, para nós, galegos e portugueses do norte, é que nos caian os restos dunha estación espacial china co rimbombante nome de Palacio Celestial, un laboratorio que tras escasos tres anos de funcionamento, no pasado 2016 quedou fóra de control e ameaza con caer nas nosas latitudes arredor do primeiro de abril, e este si que non é unha tartaruga. Pero tranquilos, din os expertos que as posibilidades de que colla a alguén pola rúa é moi baixa, de un entre un billón, mais aínda así aí está a probabilidade, como está que caia sobre o tellado dunha casa. (Inimaxinable).