Antonio Díaz: Dun termo a un Mestre Mateo

O ribeirense acaba de gañar, xunto co seu equipo, o premio ao mellor programa audiovisual

.

ribeira / la voz

O seu currículo profesional xa tiña unha longa bagaxe, á que agora lle acaba de engadir unha guinda máis: o premio Mestre Mateo ao mellor programa audiovisual, que xusto vén de gañar hai unha semana na gala celebrada na Coruña. Sen embargo, para moitos dos seus veciños, Antonio Díaz (Ribeira, 1975) sempre será «un dos mozos da Festa do Termo, é polo que se me coñece», explica entre risas, antes de botar a vista atrás e recordar como decidiron poñer en marcha esa curiosa celebración.

«Unha noite nas festas de Ribeira tocounos un bingo e non sabíamos que escoller de premio, así que ao final collemos un termo e aí comezou a Festa do Termo, que durou moitos anos. Logo, fomos crecendo, gañando responsabilidades e todo é máis complicado», lembra o xornalista que, nun principio, non tiña pensado fixar na prensa o seu destino profesional.

De feito, el sempre quixo estar vinculado ao mundo cinematográfico, e incluso chegou a dirixir unha curtametraxe -La novena maravilla bajo el terror de los zombis-, na que daba renda solta a súa paixón polo cine fantástico e de terror e que gravou coa axuda do seu grupo de amigos. «Eu quería ser director de cine, pero despois, chegado o momento de escoller carreira, e non habendo posibilidade de marchar fóra, optei polo xornalismo porque era o que estaba máis preto do cine», afirma.

A vida de estudante

Os seus anos en Santiago «foron os mellores da miña vida, porque é a primeira vez que saes da casa, vives cos colegas. Éramos cinco nun piso e todos de Ribeira. Foi un momento espectacular, sobre todo pensando no que vén despois». Pero ademais de aproveitar ao máximo esta etapa, Díaz decidiu dedicar as vacacións de verán da carreira a facer prácticas no mundo da prensa, e o seu primeiro destino foi a redacción de La Voz en Galicia en Barbanza, da que garda moi bos recordos.

Ao ano seguinte xa se decantaría pola televisión, e comezaría a traballar no espazo Bos días, para logo dar o salto ao programa A revista fin de semana, no que chegaría como redactor e, en menos de dous anos, converteríase no seu director, posto no que aínda segue 17 anos despois.

Sen embargo, no 2002 o xornalista ribeirense decidiu facer un paréntese na súa carreira profesional e marchou a Nova York como delegado da Televisión de Galicia. «Foi unha experiencia enriquecedora, e moi dura porque estaba só, pero, quitando iso, no vital e no profesional, foron uns anos de aprender moito e espabilar», confesa, ao mesmo tempo que recorda algunhas das anécdotas que viviu doutro lado do Atlántico.

O seu desembarco alí coincidiu co primeiro aniversario do atentado que acabou coas Torres Gemelas, «e ao meu lado estaba facendo os directos nada menos que Letizia Ortiz», apunta, ao mesmo tempo que lembra todos eses meses «de preparación da guerra, como manipularon as Nacións Unidas para que se iniciase o conflito. Foron uns episodios históricos, e eu incluso estiven na ONU co secretario Kofi Annan, e daquela non había Facebook para poder contalo», bromea.

Despois de dous anos alí, decidiu regresar e retomar a dirección do seu programa, que agora acáballe de dar unha das maiores alegrías: un Mestre Mateo. «Pero quero deixar claro que o premio non é meu, o premio é de moita xente que traballa comigo», recoñece Díaz, que di que foi unha enorme sorpresa ser o gañador.

Aventura editorial

Pero lonxe de parar, o ribeirense está embarcado nunha nova aventura, xa que dentro de poucos meses verá a luz o seu primeiro traballo editorial, que terá como protagonista a una das bandas máis famosas do seu pobo: Heredeiros da Cruz. Foron os propios compoñentes do grupo os que lle fixeron o encargo a finais do ano 2016, cando se ía cumprir o 25 aniversario da súa creación.

«Foi moi difícil, porque nunca fixen un libro, eu non estou acostumado a escribir. O texto levoume redactalo uns seis meses, e agora están coa maquetación, porque é un libro moi visual e moi coidado, con moita parte gráfica e fotos inéditas, e con apéndice de Juancho Rivas», explica, ao mesmo tempo que mostra as súas gañas de velo xa impreso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Antonio Díaz: Dun termo a un Mestre Mateo