Mulleres con palabra na política municipal

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os debates no pleno sonense son cousa delas e reivindican o seu papel nos órganos de poder

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais algún día sexa a norma, pero neste momento que nun pleno as que tomen a palabra sexan sempre as mulleres é a excepción. Porto do Son é o único Concello da comarca no que todos os grupos contan cunha voceira, e agora opinan sobre política e igualdade.

1. ¿Que falta para lograr a igualdade da muller na política?

2. ¿Teñen que demostrar maior valía as mulleres para ocupar cargos importantes?

3 ¿Que supón que O Son conte con mulleres en todas as portavocías?

4. ¿Como se concilia a vida política, a laboral e a familiar? ¿É factible?

5. ¿Está a favor da folga feminista do 8 de marzo? ¿Por que?

María Maneiro

1.- Está claro que se van dando pasos para acadar a igualdade, moitos grazas á Lei de Paridade, que nos dá presenza en política e en postos importantes. Iso non significa que estea todo andado, é preciso romper o «teito de cristal» que nos limita á hora do ascenso, en política ou en calquera ámbito laboral. Creo que se ten avanzado moito, pero queda moito para chegar á igualdade.

2.- Non é unha cuestión de valía, as mulleres somos maioría de tituladas universitarias, estamos moi preparadas. A dificultade para chegar a postos de responsabilidade é a crenza da incompatibilidade da vida familiar e a laboral. Esta é unha idea que se debe desbotar desde xa e para iso precisamos maior implicación masculina no fogar.

3.- Non é algo habitual e demostra que as mulleres cada vez somos máis visibles, tanto en política como no resto de ámbitos profesionais. Algo do que deberíamos sentirnos orgullosas.

4.- Debería ser factible, pero é complicado. Para iso haberá que chegar a facer políticas sociais máis comprometidas, ademais das que xa están no camiño. Aínda que para comezar a erradicar certos micromachismos estaría ben que este tipo de preguntas tamén se lle fixeran aos homes, pais e políticos, iso significaría que a maioría van tomando conciencia das súas responsabilidades e deixaría de ser un asunto exclusivamente feminino.

5.- Considero que o movemento social que ten tras de si o 8 de marzo é algo positivo, e tamén necesario e debería estar libre de cor política. É un dereito acudir á folga e debe ser respectada calquera decisión. Eu teño claro que acudirei a todos os actos que o Concello ten programados.

Ánxela Franco

1.- A política foi sempre un espazo hexemónico dos homes. Durante moito tempo a educación reservada para as mulleres estaba orientada á supervivencia do rol tradicional. Temos falta de consciencia de nós mesmas e de referentes. Non obstante, o BNG, historicamente, contou con candidatas ás alcaldías.

2.- Nós, máis que competidoras ou ególatras, somos máis conscientes da repercusión dos nosos actos en todos os ámbitos. Non vemos o goberno nin o poder como algo absolutista e egocéntrico, senón como unha ferramenta de cambio social máis alá de nós mesmas. Temos sempre claro que é o urxente e que é o importante, e normalmente movémonos polo importante.

3.- Somos tres candidatas e unha voceira, é diferente. Creo que as forzas que nos colocan ás mulleres á fronte arriscan máis. Creo que é un acto de valentía. Agora ben, as concelleiras do PP asumen unha liña clara de pensamento ao calar cando alguén se dirixe a unha voceira mandándoa ao psiquiatra ou cuestiona o meu soldo de deputada, iso non se diría se enfronte estivera un home.

4.- Temos solicitado de todos os xeitos que se faga posible conciliar, e négasenos a capacidade de asistir a reunións e comisións. Si que penso que cando cres no que fas todo é factible, pero necesitas estar rodeada de persoas que perciban que o teu traballo é valioso e o fagan viable.

5.- Si rotundo. Porque só desde a asociación o individuo pasa a ter máis relevancia. É hora de que o 50 % da poboación demostremos que temos moito que dicir, empezando pola forma de entender a política.

Asunción Torres

1.- As desigualdades en política son comúns ás que soportan as mulleres noutros ámbitos. Falta erradicar o patriarcado, empezando por corrixilo desde o plano político. Se a quen lle corresponde lexislar contra as desigualdades non acaba de facer efectivas as medidas de protección sobre as mulleres, nada fixo en realidade.

2.- As esixencias que se piden ás mulleres á hora de acceder e de manterse nun posto de responsabilidade son maiores. Aparte de que os soldos son en moitos casos inferiores. Persiste o «teito de cristal», os mellores expedientes académicos son de mulleres, pero iso non se reflexa para nada nos postos directivos.

3.- Supón a visibilización das mulleres en ámbitos que, hasta non hai tanto, nos estaban prohibidos. Ofrécenos a posibilidade de levar a voz de moitas mulleres ás institucións, mediante a empatía e un prisma máis sensible sobre as necesidades das nosas veciñas e veciños.

4.- Resulta moi difícil. En moitos casos, as mulleres q non vivimos da política, vémonos obrigadas a escoller.

5.- Si. Porque sobran os motivos: acabar coa discriminación, coa fenda salarial e, sobre todo, acabar coa violencia machista.

Josefa Hermo

1.- O papel da muller recibiu un pulo importante grazas ás políticas de igualdade do goberno de Zapatero. Desgraciadamente, se o trasladamos á comarca, aínda hai alcaldes que ocasionalmente quedan en evidencia polas súas actitudes machistas.

2.- Non, no PSOE; somos un partido que cre na igualdade e comprometido co feminismo. Extrapolado á sociedade, a realidade é outra e a muller ten que demostrar máis valía para acceder a postos importantes.

3.- Que un Concello coma o noso conte con mulleres portavoces supón un paso máis para seguir loitando pola igualdade en tódolos ámbitos.

4.- Con moita ilusión, ímpetu e optimismo é factible, sempre que haxa vontade. No Son, a pesar da nosa insistencia, non se convocan comisións en horarios que permitan a nosa asistencia debido a que a nosa actividade profesional non está ligada á política.

5.- Si. Todas as mulleres debemos erguernos para reclamar os nosos dereitos e a igualdade que nos corresponde.