Avós con salario

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

24 feb 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Ese se dese unha paga por ser avós? No grupo de amigos non falta quen cada día ten que deixar o parladoiro antes de tempo porque ha de recoller a algún neto á saída da escola ou levalo a algunha actividade mentres os pais dos cativos deben cumprir co castigo bíblico de gañar o pan coa suor da fronte e dor de corazón, sen poder estar cos seus rentenos todo o que quixesen e necesitan. Non sei se alguén lle botou contas ao aforro que esa actividade lle rentúa ás arcas do Estado e, sobre todo, o beneficio empresarial que a mesma xera.

Despois de parir, unha nai necesita máis de seis meses para atender a unha criatura, pero ao cabo dese tempo a cousa xa queda en quen poida botar unha man ou renunciar a un posto de traballo. Facilitar a crianza dos fillos para que o rendemento do obreiro e o futuro estean garantidos é unha das premisas que todo goberno manifesta, pero outra cousa moi distinta é que logo faga algo por asegurar ese futuro. O capital usa artimañas que o social non entende.

Tantas veces teño escoitado da boca dalgún avó iso de que o que eles fan non ten prezo, e outras tanto hei de lembrar o refrán «Quen non sabe dos mimos do avó non sabe o que é bo». Pero non nos enganemos, sen minusvalorar o amor, todo é cuestión de pasta. As contas que botan os mozos son moi doadas: cos avós ben se crían e non se paga matrícula; e a dos pagadores é moi clara: mentres estes produzan e aqueles aturen, a maquinaria produtiva non deixa de medrar. O malo empeza cando os mozos deciden que, para non criar aos fillos mellor é non telos, ou cando os avós non están en condicións de soportar a intensa actividade dos netos. O dilema comeza no intre en que hai que valorar como asegurar o futuro se non vai haber man de obra que substitúa aos obreiros de hoxe en día.

Na Europa das liberdades todo descansa nas hordas de emigrantes que van vindo como poden, e adaptándose ao que lles mandan, sempre mellor que aquilo que teñen nos seus países de orixe, o que nos leva a pensar se a maldade humana non producirá alí un déficit de atención para atraer modernos escravos que descoñecen os beneficios sociais que aquí se acadaron ao longo de máis de cen anos de historia. Daquela, ¿a quen lle importa que a poboación medre ou desmedre?

E aí e onde aparecen novas iniciativas en lugares tan dispares como Suecia e Turquía, dous países que, a pesares das diferenzas sociais e políticas, propoñen semellantes sistemas de axuda para que as parellas novas non deixen de ter fillos por mor do traballo nin de traballar por mor dos cativos, dándolle a cada avoa menor de 65 anos, e con boa saúde, unha extra de cen euros ao mes por coidar dalgún neto menor do ano, con todo un regulamento baseado na saúde da coidadora e no poder adquisitivo dos pais que se acollan a esta modalidade.

Ben. Todo iso está moi ben, pero eu teño dúbidas, a primeira é por que se pon o límite nos 65 anos, cando esa é a idade de xubilación, e por que só se contempla pagarlle a avoas cando tamén os avós son os que pasean os cochiños dos cativos pola rúa peonil de cada cidade. E a outra que se me ocorre é se algún día teremos entre nós algunha proposta semellante neste país que tratou de lofa aos gobernos que incentivaron a natalidade e facilitaron o acceso laboral ás mulleres.