Menos mal que existe Cáritas

Juan Ordóñez Buela DESDE FUERA

BARBANZA

03 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O s ricos son cada vez máis ricos e os pobres, cada vez máis pobres. Esta é a conclusión básica que se pode tirar do informe de Cáritas. Os seus datos non poden ser máis sobrecolledores. A exclusión por motivos económicos medrou nas últimas décadas, mesmo cando a economía española experimentou un incremento espectacular. Quere dicir que ningún goberno na democracia foi quen de propiciar un reparto xusto da riqueza. Vén abaixo o mito de que todos saímos beneficiados dunha situación de bonanza.

As persoas que acoden a Cáritas na procura de axuda aumentaron o ano pasado nun 50 %, e nalgúns casos esa porcentaxe chegou ao 70 %. En total, case seiscentos mil cidadáns sobreviven grazas á acción social da Igrexa. Cada vez hai máis xente que carece do mínimo para vivir. E cada vez hai máis pobres avergoñados; é dicir, persoas que nunca tiveron que acudir aos servizos sociais pero que despois dun longo período sen emprego está xa preto da mendicidade.

Un panorama ben alleo aos gromos verdes e ao optimismo mentireiro do Goberno central. As demandas de axuda de emerxencia non foron para luxos. Os desesperados buscaron en Cáritas poder comer, pagar a vivenda ou mercar menciñas. Son na súa inmensa maioría mozos no paro e con fillos pequenos, mulleres con cargas familiares, varóns sen fogar, anciáns con pensións non contributivas e inmigrantes. Se se fixan ben, persoas sen forza electoral. Tal vez iso explique por que o Goberno se esquece deles. Pode que isto explique a dureza dos criterios vixentes para acceder ás axudas públicas e a lentitude á hora de responder ás solicitudes.

Con este informe, Cáritas amosa unha vez máis o seu carácter insubornable. Os estudos e as denuncias desta organización eran unha das verdades que máis temía Rajoy. Froito do irrenunciable compromiso de Cáritas cos pobres foi o famoso informe dos millóns de parados e dos millóns de pobres que tanto repetiu CC.OO. O estado do benestar está practicamente ausente.