Sonia e Sara Blanco Romay: Uns imáns para os máis pequenos

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O negocio que fundaron recibe reservas para festas con ata un ano de antelación

01 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que os nenos constitúen o público e os consumidores máis complicados, polas dificultades que hai para satisfacer a súa cambiante demanda. Pero hai dúas irmás boirenses que conseguiron dar no cravo á primeira. Elas son Sonia e Sara Blanco Romay, as propietarias de La Jungla. Pode que o nome deixe indiferentes a moitos, pero seguro que é común no vocabulario daqueles que teñen nenos con idade de celebrar o seu aniversario nun parque de bolas. Este recibe reservas con ata un ano de antelación.

O certo é que esta Jungla chama a atención de nenos e adultos nada mais acceder ao seu interior. Animais que sobresaen das paredes, paisaxes creadas a golpe de rechamantes cores e ata unha árbore máxica fan que un se atope coma dentro dun conto. Sonia e Sara recoñecen que coidaron o deseño e a decoración conscientes de que constitúen o primeiro que entra polos ollos dos clientes.

Hai pouco máis de catro anos, cando emprenderon esta aventura empresarial, sabían, polas dimensións do local e a cantidade e variedade de xogos, que estaban a innovar no sector, pero o que non podían imaxinar estas boirenses é que, en cuestión de poucas semanas, o seu negocio se convertería nun fervedoiro: «Das primeiras festas que se celebraron aquí saíron varias e así sucesivamente. Tamén funcionou moi ben o boca a boca», lembra Sonia Blanco.

A demanda levou a estas emprendedoras a ampliar o negocio para dar cabida a dúas festas de forma simultánea. Aínda así, a situación é a seguinte: hai que reservar cun mínimo de catro meses de antelación para elixir hora en fin de semana. Nin sequera as artífices da Jungla saben onde radica o segredo do éxito: «Penso que está nas monitoras. Somos un equipo de persoas que sabemos levar moi ben aos nenos e as nais marchan encantadas», comenta Sonia.

Ata sesións discoteca

Tamén teñen moito que ver os divertimentos que elixiron para ofertarlle aos cativos, que se van actualizando de forma periódica. De feito, ao principio causou furor o toro mecánico, pero agora son as pistolas láser as que espertan paixóns. E como boas emprendedoras que son, estas irmás non deixan descansar as súas cabezas e veñen de poñer en marcha una nova iniciativa que está despegando a ritmo de foguete. Trátase de sesións disco para os máis grandes, que son sempre en fin de semana, prolongándose ata as doce da noite. A axenda para esta actividade xa está completa tanto para este mes como para o de febreiro.

Toda esta oferta fai que La Jungla non sexa un referente só en Barbanza, senón tamén nas comarcas limítrofes. Padrón, Porto do Son, Outes, Noia, Cesures e mesmo Santiago están entre os lugares de orixe dos cativos que recorren a este paraíso. As súas creadoras aseguran estar aínda abraiadas coa traxectoria ascendente do negocio: «Cando montas un negocio, aínda que sexa facendo un gran investimento, penso que nunca te imaxinas un éxito así. Tamén teño que dicir que nós gañamos e gastamos, xa que estamos continuamente mellorando e renovando», explica Sonia.

Loxicamente, ela está encantada coa febre gastadora que lle deu aos pais, que non dubidan en desembolsar 150, 200 e incluso máis euros nos aniversarios dos seus cativos: «Claro que hai festas con trinta convidados que se saen do orzamento habitual, pero son as menos; polo normal, o gasto no supera os 170 euros».

Subidas aínda á nube dun éxito que lles veu de xeito inesperado, estas emprendedoras boirenses non descartan ampliar a empresa, mirando cara outras localidades da zona: «De momento non, pero non descartamos exportar a idea a outro lugar», anuncia Sonia, para a que risas e anécdotas constitúen os premios que recibe cada día dos cativos.