Alberto Otero: «Non se prevé abrir o paso á duna, senón ver o efecto de realizar visitas guiadas»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

O xefe de servizo de Medio Ambiente recoñece que houbo un cambio na masa de area de Corrubedo e subliña que foi debido a diversos factores naturais

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago, Alberto Otero Peña xa tiña gozado da beleza do espazo dunar de Corrubedo moito antes de converterse en xefe de servizo de Medio Ambiente e en director dos parques naturais, entre eles o ribeirense. Agora, o futuro deste lugar atópase nun momento crucial porque se iniciou o procedemento para a aprobación do plan de uso e xestión. Ao mesmo tempo, estase a facer un seguimento da evolución da duna, un dos seus símbolos.

-O estudo sobre a duna indica que perdeu altura, ¿existe preocupación polo seu futuro?

-É un hábitat que está a cambiar. Hai dous anos, a confluencia duns temporais rompeu a duna primaria, que está ao pé da praia, e xa non pode aportar area porque ten que recuperarse. É certo que houbo un cambio grande nos últimos 15 anos, pero inciden múltiples factores. Existe unha evolución e estase facendo un seguimento.

-Falouse da posibilidade de volver permitir o paso.

-Non se prevé abrir o paso á duna, senón ver o efecto de realizar visitas guiadas, pero en situacións controladas. É un espazo prioritario de cría do alcaraván, entre maio e setembro, polo que hai que ter moito coidado.

-¿E o aumento da vexetación?

-A zona máis próxima a Corrubedo ten unha vexetación maior, pero non é exótica, é típica deste tipo de dunas e unha das recomendacións que se fan no estudo é que non se toque. Cando hai menos aporte de area existe máis facilidade para que se asente. A duna pode volver medrar, pero temos outro problema: o quentamento global.

-Xente que medrou vinculada ao parque afirma que as lagoas están cheas de plantas e que iso foi en detrimento da fauna, ¿obsérvanse cambios?

-Vaise iniciar un estudo na lagoa de Vixán. Existe un aumento da superficie dos xuncos en detrimento da de auga. Antes os agricultores cortaban estas plantas, pero agora non porque xa non existe esa necesidade. Hai que pensar que os espazos naturais evolucionan, pero si que se vai facer un seguimento.

-A presenza de xabarís é outro dos problemas nos que inciden os propietarios, que afirman que está a afectar á nidificación e que provoca un abandono das terras de cultivo.

-O xabaril é un problema global. Supón un contratempo para as fincas de cultivo e iso é negativo, porque unha zona agrícola é un hábitat. Nunha terra abandonada perdemos diversidade. No parque fixemos unha retirada de exemplares e vaise continuar actuando. Ao mesmo tempo, constatouse que os animais comen postas de distintas especies. O parque natural é un dos espazos nos que máis estudos se fan e hai que protexer a súa biodiversidade. Hai un exceso de poboación, o que nos leva a artellar medidas de control.

-Dos parques naturais galegos, o de Corrubedo é un dos que máis visitas recibe. ¿Pensouse en limitalas?

-No plan de uso e xestión que se está a elaborar decidirase se é conveniente limitar os accesos. Levarase a cabo un estudo de carga para determinalo.

-Un dos atractivos do espazo é o Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia, ¿hai algunha iniciativa para potencialo e sacarlle máis partido?

-Contratouse unha empresa de promoción deste espazo. Certamente, trátase dun centro amplo e moi bonito. Agardamos que se comece a traballar na súa potenciación. Alberga unha interesante exposición e o que se busca é impulsar máis este tipo de contidos, xa que se trata dun lugar, precisamente, de interpretación do ecosistema litoral galego. Coa incorporación dunha firma buscamos traballar nesa liña e aproveitar todas as potencialidades que ofrece o conxunto do espazo protexido.

«Creo que houbo unha falta de comunicación cos propietarios»

Aínda que ten o seu despacho en Santiago, Alberto Otero Peña afirma que mantén contacto periódico co parque, ao que intenta ir cada semana.

-¿Que representará a entrada en vigor do plan de usos?

-Trátase dun documento básico que desenvolve o plan reitor e permite ir ao miúdo dos usos. Coa súa aplicación, mellorarase notablemente na xestión diaria. Agora non está claro que traballos poden autorizarse en cada zona e, cando entre en vigor, estará claro a que pode dedicarse cada terreo. Os técnicos terán un documento no que basearse. Tamén haberá normas relativas a actividades de investigación e incluirase un plan de emerxencias, xa que agora no o hai. Ao mesmo tempo, fixará as inversións para os vindeiros seis anos porque incluirá un programa económico-financeiro.

-Os propietarios levan anos expresando o seu descontento. Afirman que, realmente, o terreo xa non lles pertence, que teñen limitada a actividade.

-A creación dun parque natural permite os usos agrícolas tradicionais. Creo que houbo unha falta de comunicación cos propietarios. Si e certo que hai algunhas restricións, pero teñen vantaxes como o acceso a axudas.

-Outro dos motivos de queixa é que non tivo unha repercusión económica na contorna.

-A Consellería de Medio Ambiente quere promocionar os espazos naturais para que produzan riqueza, pero tamén depende da iniciativa privada. Buscamos que o espazo sexa rendible, pero é certo que na contorna hai, por exemplo, pouco tecido hostaleiro. Noutros parques galegos si hai negocios que ofertan rutas polo entorno e hai demanda. No caso de Corrubedo non se creou ningunha empresa dese tipo. Imos comezar coa certificación de turismo científico, para aquela xente que desexa facer visitas cun propósito de estudo. Tamén estamos traballando para facer unha especie de certificación de produtos. No parque parece que hai algunha persoa interesada en comercializar mel e esa iniciativa é boa.