O evanxeo da prosperidade

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

matalobos

13 ene 2018 . Actualizado a las 12:32 h.

Non debería estrañarnos que na era da economía liberal e no país da mesma, a relixión se adapte ás circunstancias, asociando fe e pasta coas crenzas máis profundas da sociedade, como non debe de estrañarnos que o evanxeo proclame o desexo de que Deus quere o mellor para os seus adeptos, ou que a mensaxe que o cristianismo vén dando desde que naceu, coa famosa frase do camelo e a agulla se troque agora, cando quen máis e quen menos ten unha conta corrente e aspira a gastar o salario nas rebaixas, dicindo que entre os bos desexos da divindade está sempre o de fornecer de bens económicos ós seus devotos.

Con tal mensaxe, o chamado evanxeo ou teoloxía da prosperidade crea adeptos e adictos, e por iso Donald Trump, quen sempre foi home de pedir nas súas oracións os pasteis seus de cada día, escolleu como asesora á máxima representante desta tendencia relixiosa, a Paula White, unha telepredicadora evanxelista que lle axudou a elaborar o seu discurso para gañar o voto das comunidades cristiás, aínda que moitos dos seus colegas a tachan de charlatana, falsa mestra ou herética, por negar a Trindade. Non importa, ela, que agrupa fronte ás televisións a milleiros de persoas e asegura ter tido unha infancia terrible, con malos tratos, violacións e ata tres matrimonios, se fose católica, apostólica e romana iría para santa, porque, segundo afirma, tras descubrir os valores da fe ós 18 anos, Deus mesmo se lle presentou para pedirlle que predicase o seu evanxeo. Dedicouse entón a estudar a Biblia, e a pesares de que nunca se graduou en asuntos de teoloxía si foi ordenada e nomeada líder da igrexa evanxélica. E a comunidade negra chegou a dicir dela que era unha branca que predicaba como un negro.

Paula White é famosa pola súa peculiar visión da fe, segundo a cal, unha vida cristiá non só nos recompensa coa vida eterna no ceo, senón tamén coa posesión de riquezas na terra, e por iso afirmou nun dos seus programas: Calquera que che diga que debes negarte a ti mesmo, é un enviado do demoño.

Ela é quen dirixe as oracións do presidente Trump, e aínda sen ter un posto oficial na Casa Branca, xoga o papel de guía espiritual de toda a familia, defendendo desde o seu púlpito televisivo a actuación do presidente con frases tan rotundas como que «quen o critica está contra Deus, porque é Deus quen coloca ás persoas nos lugares de autoridade». E cando alguén lle recrimina que meta a Deus nas vulgaridades humanas, asegura sen rubor: «É o señor quen me dita o que hei de dicir na televisión», e aínda asegura que sendo Deus quen glorifica a un rei, cando loitas contra un plan divino estás loitando contra a man de Deus.

Dito isto, que a tantos outros nos fai dubidar do bo caletre de Deus, e nos lembra ós faraóns ou ós ditadores pola graza de Deus proclamada nas moedas de peseta, ela segue propoñendo que recadar cartos e acumular fortunas é un dos bens que Deus lle outorga ós seus máis apreciados fieis, porque, como tamén ela di: «A presenza e bendición de Deus está tanto nos momentos de sufrimento como nos de prosperidade». E non debe andar equivocada esta señora, porque desde que asinou a principios de século un contrato millonario para un programa televisivo de corte relixioso, o público do seu espectáculo vai en aumento, ansioso por escoitar frases tan rotundas que a levaron a falar por primeira vez da teoloxía da prosperidade no 2004 coa fin de xustificar e divinizar a riqueza dos magnates. Á fin unha versión máis descarada do que a mesma Igrexa vén practicando desde o edicto de Milán