O etnosimbolismo

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

Hai uns días díxome Guillermo que, máis pronto ou máis tarde, Cataluña acadaría a independencia. Se mo tivese dito outro, aínda que tamén fose catalán, podería dubidalo, pero tratándose deste bo amigo -constitucionalista-, xa podo publicalo como unha primicia deste xornal. Segundo me razoa trátase máis dunha cuestión de identidade que por razóns económicas ou fiscais, aínda que estas últimas son as que máis manexa o nacionalismo, pero cando de sentimentos se trata os problemas poden agudizarse.

Non é que a min o problema catalán me quite moito o sono, pero quixen afondar no tema e topei co traballo dun economista de alto rango (73 páxinas que non aburren), José Luís Feito Higueruela, titulado Razones y sinrazones económicas del independentismo catalán, que remata con esta orixinal sentenza: «el que busca la secesión no sabe lo que hace porque no sabe lo que deshace», un fermoso arremedo do refrán «ninguén valora o que ten ata que o perde».

Pero tal como saíron as cousas o 21D algo habería que facer, así que, reiterándome no que publiquei o pasado 10 de outubro, podería ser atinado non obstinarse á demanda dos que reivindican un referendo. Tendo en conta as modernas achegas sobre o etnosimbolismo de Anthony D. Smith, sociólogo e profesor emérito de nacionalismo e etnicidade na London School of Economics, que proclama que non hai nación consolidada nin nacionalismo triunfante sen a previa existencia dunha comunidade étnica -traza que non se dá no catalanismo-; os nacionalistas acadaron o 48 % dos sufraxios e a opción política gañadora non é, precisamente, independentista.