Os nomes da violencia

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

matalobos

16 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un asasino que despois se quita a vida non queda eximido de culpa. Unha vez máis, neste tipo de violencia demóstrase que a orde dos factores si altera o resultado. E non hai desculpa para tales actos, sen embargo, aínda se escoitan algunhas voces que tratan de xustificar esas actitudes.

Hai uns días, contábanme da exesposa dun maltratador con orde de distanciamento, que cadrou a pasar preto do lugar onde el estaba, e chamou á policía para denunciar que o tiña a menos de cincocentos metros por se iso era constitutivo de delito, ou outro que se desesperaba cada vez que tiña que pasarlle a pensión ós fillos, porque segundo el só servía para que a súa ex vivise a corpo de rei. O odio do desamor é tan grande de parte a parte que non sei se haberá algún outro que o supere. Unha violencia que vai máis aló dos nomes e apelidos, para deixar na lembranza alcumes que perduran na memoria.

Este buscador de historias coñece bastantes conflitos que se agocharon por medo ó escándalo, ou que se calaban porque unha muller á fin sempre levaba as de perder, e só se sentía amparada e socorrida por algunha veciña que a acollía naqueles duros momentos. Estou seguro de que non fai falta facer moita memoria para que calquera lector desta páxina lembre algún caso que non saíu na prensa, simplemente porque non houbo morte, porque a morte se tapou, ou porque só se saldou cunha somanta que deixou eivada á vítima.