Luis Oujo: «A Sin-Son xa está consolidada e non tería sentido deixala morrer»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor asegura que estudan formas de innovar e ofrecer cousas diferentes aos participantes

11 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A sexta edición da carreira popular Sin-Son 10K comeza a albiscarse, xa que terá lugar na fin de semana. Esta cita, como recoñece o alcalde sonense, Luis Oujo (Porto do Son, 1969), é unha referencia no panorama deportivo galego e, por suposto, no concello que el rexe. Por iso, Oujo afirma que esta proba ten o futuro asegurado mentres o seu grupo estea no goberno municipal, e espera que non se deixe de celebrar se cambia a cor política do executivo de Porto do Son.

-¿Que sinte cando atletas de renome sitúan a Sin-Son á altura das citas de grandes cidades?

-Desde que naceu, os técnicos comentaban que esta carreira xa estaba pensada para perdurar no futuro. Nós coidamos os detalles, para que os atletas sintan un cariño que non se atopa noutros sitios. Unha gran cidade pode ter máis recursos, pero colaborando e sendo atentos conséguese que sexa un referente e un día para vir ao municipio.

-¿Cales considera que son as grandes virtudes desta carreira?

-Por exemplo, que a xente traia o seu coche a Porto do Son e un autobús a leve a Portosín, para que cando cheguen a meta xa teñan o seu vehículo preto. Tamén que os avituallamentos sexan rápidos, ou o gran número de voluntarios que colabora e as ambulancias que están listas para calquera emerxencia. Son cousas que a simple vista non percibes pero que ofrecen unha resposta rápida se fan falta. Por suposto, tamén que sexa unha proba en liña nun paraxe marabilloso. Iso gusta moito.

-Estamos na recta final, ¿é na última semana cando máis nervios afloran na organización?

-Non, porque hai un gran equipo que coordina todo. Logo, cando chega, pásase fenomenal. Xa o sábado ca Feira do Corredor. Na carreira hai moita xente traballando e que, ademais, ten todo controlado. Nos primeiros anos, había que dar moitas voltas para pedir as autorizacións a Tráfico e agora basta con solicitalas.

-Un ano máis, todo fai indicar que será un novo éxito. Sabendo isto, ¿está o futuro da proba asegurado?

-Sen dúbida. Mentres nós esteamos gobernando será unha cita marcada na axenda e nos orzamentos, ao igual que outras festas e actividades. Gustaríame que se seguise celebrando goberne quen goberne. A Sin-Son xa está consolidada e non tería sentido deixala morrer.

-Ademais, terán constatado que o investimento compensa polo retorno que ten no municipio.

-Si, iso nótase, principalmente, na hostalaría e no comercio. Hai moitas persoas que veñen de fóra e tamén serve para darnos a coñecer. É un fin de semana boísimo.

-Lolo Penas comentaba que nesta ocasión xa vai con reserva para almorzar, está claro que cúmprese o obxectivo de dinamizar a vila.

-É bo para Porto do Son e para a comarca. En Ribeira e Noia tamén se fan moitas reservas porque aquí non hai sitio, está todo cheo. Para nós é unha satisfacción e ves que os que veñen repiten e marchan ledos. Iso é importante, porque a mellor publicidade é o boca a boca.

-Teñen fixado o tope en 3.000 corredores, ¿estudan formas para aumentar ese límite?

-Estamos barallando posibilidades. Cando a carreira transcorre pola estrada non habería problemas por xuntar máis atletas, pero si na parte urbana en Portosín. Estamos pensado como facer un circuíto no que os participantes non se teñan que cruzar. Na cabeza o temos, porque, de forma controlada, pode crecer.

-Fai uns días, Pedro Nimo falou da posibilidade de ofrecer actividades paralelas á carreira, ¿ve a proposta con bos ollos?

-Claro que si. Nós sempre agradecemos as propostas. Este ano incluímos unha competición de patíns. É unha novidade, algo curioso, que a ver como resulta. O sábado, por exemplo, ao rematar a Feira do Corredor poderíase organizar unha ruta de tapas ou un evento gastronómico. Hai que innovar e facer cousas diferentes.

«Cada un ten que levar o seu ritmo e non querer seguir aos que saen moi forte»

Luis Oujo é un gran afeccionado ao deporte. O alcalde é un asiduo das andainas que se fan na comarca e un fixo no punto de saída da carreira en Portosín.

-¿Ten a intención de participar este ano na Sin-Son?

-Por suposto. O ano pasado non puiden correr, pero nesta ocasión, se non pasa nada, estarei. Gústame o ambiente e podes ir falando con uns e con outros. Eu o que quero e gozar da carreira. Chegar á meta é moi bonito, con todo o público aplaudindo e dando ánimos.

-¿Vai coa intención de mellorar a súa marca persoal?

-Non, iso tampouco é o principal. O bo destas probas é a deportividade que se respira. Ves a algún moi cansado e dáslle ánimos, e tamén os recibes ti cando alguén vai mellor.

-Vostede coñece ben o circuíto, ¿como diría que o ten que afrontar o atleta popular?

-Cada un ten que levar o seu ritmo e non querer seguir aos que saen moi forte, buscando marcar un bo tempo. Existe o risco de facer catro quilómetros e acabar queimado. A moitos que empezan diante atópalos despois polo camiño.

-¿Adestra para esta proba?

-Eu ando bastante e participo en andainas. Estes días adestro un pouco máis, para poder pasalo ben e non ir coa lingua fóra.

-Este ano o invitado será Iván Raña, ¿como conseguen traer deportistas de tanto prestixio?

-Neste caso hai que agradecer a Pedro Nimo o seu traballo. É un gran padriño e vólcase con nós. De non ser por el a Sin-Son non sería a mesma. Ao ser un atleta de elite sempre ten amizade con deportistas de nivel.

-¿Que considera que aportan estas figuras á cita?

-Dálle unha categoría enorme. O sábado, na casa de cultura sempre hai moito público nas charlas. Habitualmente, a xente fai moitas preguntas. Ademais, personalidades como Iván Raña teñen moitos seguidores nas redes sociais e que publiquen nelas que están na nosa carreira é bo. Recordo, fai uns anos, cando un vídeo do castro de Baroña tivera miles de reproducións.