O 7 de decembro do ano 1779, o avogado norteamericano John Adams, que logo sería segundo presidente dos Estados Unidos, veu Galicia por primeira vez. O buque francés que o traía a Europa tiña unha grave avaría, así que o capitán decidiu desembarcar en Ferrol. Foi Adams quen, ás once da mañá, descubriu a terra firme e anotouno no seu diario. Viu dúas grandes montañas, unha «aguda e escarpada» e outra «longa e ancha». Logo emproaron cara o norte, e pasaron tres cabos: Fisterra, Touriñán e Vilán na procura das seguras augas da ría ferrolá.
Non é difícil saber cales foron os montes cos que se topou o norteamericano John Adams. Monte Louro, sen dúbida ningunha, e moi probablemente, a serra do Barbanza, ao sur. Iso fíxome pensar en cantos itinerarios marítimos, en crónicas de navegantes desde o máis profundo da Idade Media, de lobos de mar de todo o mundo, de viaxeiros e de cartógrafos, monte Louro é un referente perfectamente definido.
Xunto co cabo de Fisterra, orientado ao sur -coido que o único con esa disposición na fachada atlántica europea-, monte Louro foi un importante referente da navegación marítima atlántica que, se cadra, aínda non temos ben posto en valor, xa non digo turístico, senón no noso imaxinario. E iso malia agochar aínda moitos dos seus segredos. En efecto, no alto, onde están as ruínas da capela, pódense ver aínda as estruturas dunha posible atalaia ou castelo sen, por agora, referentes na documentación e que a Xunta de Galicia non ten catalogado. Non estaría de máis dedicarlle un ano a esta icona fermosa dos nosos mares bravos.