Escravos no século XXI

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

02 dic 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Non nos imos escandalizar por dicir que en pleno século XXI, o século da globalización, do intercambio multirracial e multicultural, cando desde a parte opulenta do globo non cansan de proclamar a súa boa fe para con aqueles que non están no mellor dos mundos, a escravitude existe. E non é esa escravitude das fábricas de roupa que meten ós operarios en galpóns pechados a traballar dezaseis horas diarias por unha miseria, nin a dos que aquí mesmo, a dous quilómetros da casa, nos fan asinar contratos de dúas horas para traballar dez, senón escravos como os dos mellores tempos da escravitude, con grillóns e látego, con poxas ó mellor ofertante en prezos que oscilan dos sesenta a algúns centos de euros, dependendo da dentame do poxado.

Non nos imos escandalizar porque iso está pasando en Libia, nese país liberado do opresor segundo as conciencias tranquilas de Wall Street, a onde os subsaharianos que chegan con intención de cruzar as turbulentas augas do Mediterráneo camiño do benestar tras pagar verdadeiras fortunas, son vendidos á vista de todos en prazas públicas como se se tratase do gando dunha feira, dependendo sempre das posibilidades que o comprador lle vexa. Persoas que, na maioría das veces xa desembolsaron por adiantado o prezo desa pasaxe en caiuco que non van acadar, e na maioría das veces ata sen poder ver o mar, porque fican en cidades como Sabha, na porta do deserto, á ventura do que decidan as mafias que trafican con eles sen portar polo uso que lles van dar compradores sen escrúpulos, quen, en moitos casos, mentres os fan traballar sen salario, obríganos a chamar ás súas familias, nos países de orixe, para pedir un rescate, o prezo da súa manumisión mentres sofren todo tipo de torturas. E aínda conseguindo o diñeiro do rescate, non sempre son liberados porque a cobiza do novo amo tanto pode esixir máis diñeiro, se ve posibilidades, como revendelo a outro tratante como se dun coche vello se tratase. No mellor dos casos o liberado só poderá retornar á súa casa; iso si, moito máis pobre, e moito máis aldraxado do que saíu.

Disto fixéronse eco todos os medios despois de que a CNN retransmitira unha desas poxas en directo; pero como se nada, como se non fose con nós, porque esas cousas só pasan aló entre os negriños ós que as garabatas de occidente lle recomendan resignación, nese país onde non hai moitos anos entraron os exércitos de liberación para derrocar ó ditador, proclamar ós catro ventos que liberaran ós libios da barbarie dun sátrapa, e marcharon logo deixando todo patas arriba, con pelexas de herdeiros sen avogado de por medio, coa hipócrita desculpa de non interferir no seu goberno, o que significa, nin máis nin menos, que deixaban o país en mans das bandas que, como agora estamos vendo en retransmisión vía satélite, cometen todo tipo de atrocidades contra os mendicantes de dignidade.

Algún dos que conseguiron escapar de tales gadoupas conta como lle racionaban a comida e ata como en ocasións deixan que o secuestrado morra por inanición. Pero peor é no caso das mulleres, que ademais de todas as aldraxes usadas contra os homes, elas suman a de ser tratadas como escravas sexuais e obrigadas a exercer a prostitución. E mentres tanto nin cascos azuis nin vermellos se molestan, porque á fin, mentres se frea esa avalancha de necesitados que invade a cristiancísima Europa, nin no país de procedencia nin no de paso, perigan os dereitos mineiros dos dirixentes do mundo.