Montse Posse: «Esperamos chegar aos 80.000 quilos»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SANDRA ALONSO

É a cifra de alimentos que a entidade prevé reunir en Barbanza na gran recollida

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Traballando arreo están nestes intres Montse Posse e os seus colaboradores do Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial). Ela é a coordinadora da entidade nas áreas de Santiago e Barbanza, un colectivo que os vindeiros días 1, 2 e 3 de decembro se sumará á gran recollida de alimentos que se levará a cabo a nivel estatal. Apela, para esas tres xornadas, á colaboración dos barbanceses mediante a doazón de alimentos nos supermercados; pero pide, desde xa, interesados en formar parte da rede de voluntariado.

-Seguro que teñen máis traballo do que poden atender...

-Pois si, temos moito traballo, porque a necesidade tamén é moita. Todos somos voluntarios e cada un vén cando pode e o tempo que pode. Grazas a iso podemos atender uns 15.000 beneficiarios. Aínda que o banco é para toda a provincia, desde a sede que temos no polígono do Tambre prestamos servizo á zona de Santiago e a Barbanza. Para a gran recollida precisamos 1.400 voluntarios.

-¿Cal debe ser o perfil deses voluntarios?

-Necesitamos voluntarios para estar nas cadeas de alimentación convidando a clientes que entren para que colaboren. Só teñen que ser persoas amables, que lle pidan axuda á xente, nada máis.

-¿Cal é o método de traballo que se sigue en Balrial?

-Recollemos alimentos en diferentes campañas e logo, desde o almacén do Tambre, os voluntarios van separando produtos en función da data de caducidade e da familia. O persoal de oficina é o que vai adxudicando os lotes. Van sendo distribuídos polas entidades, como Cáritas, que traballan nas diferentes zonas. Normalmente repartimos cada 15 días. Non lle entregamos aos particulares, porque tampouco podemos chegar a toda a xente necesitada. Sempre traballamos con entidades dedicadas a axudar aos necesitados.

-¿Que supón pertencer á Federación Española de Bancos de Alimentos?

-É moi importante, porque é garantía de transparencia. Tamén ten a vantaxe de que temos axudas por parte da federación, que está incluída nunha entidade a nivel europeo, da que recibe colaboración en forma de alimentos e incluso doazóns económicas importantes. Precisamos dispoñer de fondos, porque temos furgonetas que hai que asegurar e abastecer de combustible.

-¿Como é a demanda existente en Barbanza?

-Grande, claro. Na gran recollida do ano pasado recadamos 70.000 quilos en Barbanza e quedou todo na zona. Este ano esperamos chegar aos 80.000 quilos e tamén quedará todo aquí.

-¿Percibe un cambio no perfil dos usuarios que acoden ao banco?

-O perfil vai cambiando segundo vai cambiando a sociedade. Hai anos viñan persoas que estaban nunha exclusión total, hoxe vén xente que incluso ten traballo, pero tres ou catro horas, e que non lles chega para abastecer á familia. Cando hai nenos tratamos de garantir tres comidas ao día e con 500 euros non sempre é posible.

-Fálenos da gran recollida.

-É unha iniciativa a nivel nacional, organizada pola Federación de Bancos de Alimentos. Están involucradas tódalas grandes cadeas de supermercados.

-¿Cal será o cometido deses voluntarios?

-Normalmente hai un grupo de voluntarios na porta para entregar unhas bolsas e animar aos clientes a que boten algún produto. Na saída, outros colaboradores esperan á xente para ir recollendo produtos e organizalos. Así de sinxelo. Procuramos organizar aos voluntarios por quendas dunhas tres horas.

-¿Como pode anotarse a xente para colaborar?

-A través da páxina web granrecogidacoruna.org. Tamén hai teléfonos a disposición dos voluntarios: 981 936 772, polas mañás, e 639 166 272, as 24 horas do día. Na páxina web santiago@balrial.org, un pode incluso elixir o supermercado no que quere prestar a colaboración e elixir o horario.

-¿Que produtos demandan para esa gran recollida?

-Primeiro, aceite, fariña, leite, cacao e cereais. Logo, hai elaborados que están moi demandados pola crise enerxética, como fabada, sopas de sobre, comida enlatada, conservas de peixe e vexetais ou salsas de tomate. Despois, comidas infantís e tamén cueiros. Por último, aínda que non é tan básico, si que nos empezan a demandar produtos de hixiene persoal, sobre todo para os nenos. Todo o que nos deixen é un tesouro.