Separatismos

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Parece como que se houbera producido unha gran loucura colectiva na que todo o mundo estivera xirando como a roda do muíño de Xil Ríos sen que a muiñada teña visos de rematar ou se como dunha gran obnubilación se tratase, de tal xeito que non haxa espazo para celebrar que os prezos do leite subiron no derradeiro trimestre nas explotacións barbancesas, que o número de operadores certificados coa denominación de orixe protexida do mexillón da ría de Arousa, co seu slogan Fall in love with a Galician, pasase desapercibido ou que a redactora deste xornal, M. X. Blanco, se declarase en morosidade polo mal trato dos oligopólicos operadores de telecomunicacións deste país escoitando unha estrofa da Absolute begginers: Se a nosa canción de amor puidera voar sobre as montañas, podería rirse do océano, igual que nas películas. Esa é a percepción que se ten coa monotemática catalá.

Lembro que, anos fai, coincidín nunha inauguración dun taller en Palmeira cun concelleiro do BNG da Pobra que tentaba, con boa intención, convencerme de que unha Galicia independente sería a solución dos nosos males e contesteille que cando iso mo amosase me trouxera a ficha para incorporarme nas filas do frentismo galego, así que voulle dar certa carta de sinceridade ás crenzas dos partidos separatistas españois que, como no Plan Ibarretxe primeiro e na seudo independencia de Puigdemont agora, ese anhelo se tivese producido en Galicia.

Sen dúbida que o BNG de Beiras foi moi positivo nas reivindicación ás aldraxes galegas, pero tamén estou convencido de que nunca se lle ocorrería declarar unha DUI.