Ruído


Din que estamos na era dixital, pero eu creo que estamos na era do ruído. Todo é ruído. Vaias por onde vaias, ruído. Case me atrevo a afirmar que o ruído non cesa nas 24 horas do día. Se non me cren, proben a permanecer só un instante completamente quietos en plena madrugada fóra da casa, nun lugar no que, teoricamente, haxa silencio absoluto. Comprobarán que hai ruído, porque aínda que só sexa un estraño zunido de procedencia descoñecida, acaba converténdose en ruído. Cada mañá, nada máis abrir a ventá da miña casa, escoito un ruído que xa é habitual: o dunha radial. Certamente, acostuma soar de luns a venres. De vez en cando, intento comprobar a súa procedencia, e nunca consigo concretar de onde vén. Incluso ocorría nos tempos máis duros da crise, nos que a construción non existía. Por iso, ao principio, asaltoume unha certa inquedanza, non fora que estivese toleando. Pero non, non podía ser, porque pechaba a ventá e deixaba de escoitar aquela radial de diario. Pola contra, os sábados, o ruído habitual é o dunha motoserra de, supoño, cortar madeira, porque se fose de árbores, xa non debía quedar un na contorna. Este é máis agradable que o da radial, porque é un ruído intermitente, fronte ao outro, que é persistente e estridente. Ambos son exemplos dos meus ruídos cotiás, e pode que os doutras persoas, pero hai máis, moitos máis, aos que estamos acostumados e, polo tanto, non os percibimos como ruído, ata que alguén o comenta e, a partir de aí, pode transformarse en molesto, cando non en paranoico. Estamos tan rodeados de ruído que xa forma parte das nosas vidas, tanto, que non o percibimos, ata que a alguén se lle ocorre formular a típica pregunta: «Escoitas iso?». Eu por exemplo, no intre que escribo este artigo, estou percibindo un feixe de ruídos: gritos de nenos, unha lata de refresco desprazándose polo chan (supoño que) despois de recibir unha patada, o zunido dun extractor, un can ladrando, golpes nunha prancha de metal, o pito dun coche, piar de gaivotas... e paro de contar, porque, por enriba, os ruídos cambian; uns desaparecen e aparecen outros. Hai moito ruído, si, demasiado, por iso tes unha rara sensación cando atopas un espazo cheo de silencio, que tanto che pode causar unha reacción de vertixe como de satisfacción, ou de andar a tiros co ruído, como me pasou nunha ocasión, cando estaba facendo unha garda nunha garita cumprindo o servizo militar e había tanto silencio que pechei os ollos un instante e sentín de repente un ruído enxordecedor que me fixo saír co fusil no brazo gritando «alto, quen vai?» impulsado por un susto de morte. Menos mal que non se me dou por empezar a tiros contra a nada, porque era un xerador que había debaixo da garita que se activou ao irse a luz. Ruído, ao fin e ao cabo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Ruído